Gran estrea da Copa de España de 420 en augas da ría de Arousa

14 Maio 2023

Gran comezo da Copa de España de 420 en augas arousás. A cita que organiza a Real Federación Galega de Vela deu este domingo o bocinazo de saída para a primeira xornada de competición, e fíxoo cunhas condicións meteorolóxicas perfectas que permitiron á frota completar o programa de probas previsto.

Cun vento de contorna aos 12 nós de compoñente nordeste, os 60 equipos rexistrados escoitaron o bocinazo de saída ás 12:00 horas para unha primeira manga na que o tándem formado por María Perelló e Marta Cardona, do Club Náutico Arenal, anotouse o primeiro triunfo parcial posto en xogo. As baleares, con todo, acabaron cedendo terreo na segunda e terceira proba e a xeral acabou dominada pola selección canaria.

Así, cuns parciais de 4-2-1 os lanzaroteños do Real Club Náutico de Arrecife, Miguel Ángel Morais e Alejandro Martín, convértense nos primeiros líderes da xeral por diante de Jaime Ayarza e Mariano Hernández (5-5-3) do Real Club Náutico de Gran Canaria, que son segundos, e das irmás Paula e Isabel Laiseca, tamén do RCN Gran Canaria, que ocupan o terceiro caixón.

En canto á frota galega, a primeira tripulación clasificada é a formada por Natalia Domínguez e Inés Ameneiro, dos Reais Clubs Náuticos de Sanxenxo e Vigo, que se sitúan na oitava posición. Natalia e Inés son, ademais, terceiras mulleres na xeral e primeiras na clasificación sub-17.

Mañá luns, a entrada en xogo do descarte se se completa como mínimo unha proba máis podería dar un envorco á xeral, e é que o equipo catalán formado por Nora García e Mariona Ventura do Club Náutic o Masnou, que ocupa agora a décimo sexta posición cun segundo, un primeiro e un descualificado por saír fóra de liña na terceira proba, podería refugar este último parcial e ascender ata as primeiras posicións da táboa.

Se se cumpren as previsións, a frota contará de novo mañá cunha xornada de ventos de compoñente norte con intensidades que poderían rozar os vinte nós durante a tarde.

© Juan Caballero.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...