Formoso impulsa á candidatura socialista en Ribeira como a garantía para “recuperar o dinamismo económico”

08 Maio 2023

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, interviu este luns no acto de presentación da candidatura socialista en Ribeira, encabezada polo avogado Francisco Suárez-Puerta, á que se referiu como unha lista “cargada de talento” e que vai ser “a garantía” para que a cidade poida “recuperar o dinamismo económico” que perdeu nos últimos anos cos gobernos conservadores.
A presentación da candidatura socialista ribeirense congregou no Auditorio Municipal de Ribeira a varios cargos institucionais e orgánicos da comarca, así como ao secretario xeral do PSdeG da provincia da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, ou á viceportavoz no Parlamento galego, Begoña Rodríguez Rumbo. Na súa intervención, Formoso salientou a “xenerosidade” amosada polo actual portavoz municipal, José
Manuel Vilas, por facilitar que un novo grupo de persoas “xóvenes, moi formadas e capacitadas” tome as rendas do partido para darlle un novo impulso a un concello fronte aos “signos de esgotamento” do proxecto do PP.
Formoso, que coñece de primeira man os problemas de Ribeira debido ao seu traballo á fronte da Deputación da Coruña, salientou que o potencial económico da cidade barbanzana está esmorecendo “pola falta de solo empresarial”, o que provoca que moitas iniciativas industriais que naceron en Ribeira teñan que deslocalizarse agora en outros concellos da contorna, coa conseguinte perda que supón de postos de traballo. Engadeu que a Xunta e o Instituto Galego da Vivenda e Solo “non cumpriron con
Ribeira”, pois levan “máis dunha década de atraso” na construción dun novo parque industrial.
“O certo é que o empuxe da cidade de Ribeira detívose na última década”, dixo Formoso, e iso está tendo efectos a nivel de poboación, pois na última década o municipio está perdendo habitantes de forma constante, ata 1.000 habitantes menos, un descenso do 3,5%, ao pasar dos 27.800 inscritos do 2012 aos 26.800 do 2022. “É evidente que o desenvolvemento de Ribeira estase a frear”, insistiu Formoso, sinalando ao goberno do PP como responsable.
Cunha candidatura conformada por bastante xente moza, o líder do PSdeG eloxiou a súa “valentía” para defender que “Ribeira pode ter un futuro do que eles e elas formen parte”. Para el, esta é unha das liñas esenciais do proxecto que queren impulsar dende a dirección galega do partido, a xeración de novas oportunidades dentro da transición verde, que permita frear a “fuga de talento” que leva sufrindo Galicia na última década.
“UN NOVO RUMBO PARA RIBEIRA”
Pola súa banda, o candidato do PSdeG á alcaldía enxalzou que presentan “un equipo renovado co que se busca conseguir un novo rumbo para Ribeira”, co que buscan “mirar o futuro con novas ideas e novos proxectos”, engadiu. Francisco Suárez-Puerta explicou algúns dos puntos esenciais do programa dos
socialistas ribeirenses, destacando como o seu principal obxectivo o de aumentar o solo industrial para frear a “fuga industrial” e o peche de comercios. Para arranxar os problemas de aparcamento, o candidato socialista propón aumentar os aparcadoiros e municipalizar o parking do centenario cun servizo operativa “24 horas, os 7 días da semana”.
Tocou distintos ámbitos da xestión municipal coas medidas que trasladou aos veciños e veciñas de Ribeira, como o de crear unha App para ter un transporte público “eficaz”, becas comedor e o programa “Madrugadores” para facilitar a conciliación, a construción dun rocódromo para escalada e a renovación do material deportivo dos centros municipais, ou deixar atrás a preocupación polo mobiliario urbano, ofrecendo “unha cidade limpa, ben coidada e atractiva para o turismo”.
Finalizou a sua intervención asegurando que todas as medidas que prantexan dende o equipo que lidera teñen un obxectivo final que é moi simple e explica o sentido da política local, o de buscar que “os ribeirenses teñan un día a día moito mellor”.

Outros artigos

A Deputación da Coruña apoia o labor de Misela, Renacer e ADISBISMUR

O presidente provincial, Valentín González Formoso, nunha visita á sede de Misela, en Noia A Deputación da Coruña publicou no BOP deste luns 26 de febreiro a concesión provisional das subvencións dirixidas a entidades sen fins de lucro para o mantemento de programas e...

+

Presentados os novos párrocos no Barbanza

Este domingo o arcebispo de Santiago procedeu a presentar ós novos párrocos e moderadores das parroquias do Araño, Isorna, Taragoña, Fruime, Boiro, Abanqueiro, Bealo, Cabo de Cruz, Cespón , Cures e Macenda. O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O medo fala. Consecuencias” – Manuel Domínguez

“O medo fala. Consecuencias” – Manuel Domínguez

O 26 de febreiro publicaba neste mesmo medio, sobre a ameaza de Donald Trump e as súas consecuencias, podería parecer unha opinión, pero non, non, está baseada en feitos. En ano 2004 cando os países bálticos liberáronse das garras comunistas das URSS e pasou a...