O Concello de Ribeira informou da apertura do prazo para solicitar axudas económicas a Respiro Familiar, programa orientado a coidadores habituais non profesionais ou familias que teñen ao seu cargo unha persoa en situación de dependencia ou cunha discapacidade.
Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:
• Que ben a persoa coidadora solicitante da subvención ou ben a persoa ou persoas que atenda sexan residentes en Galicia.
• Que a persoa a que se atende presente calquera das seguintes situacións: discapacidade física, ter recoñecida a situación de dependencia ou que a persoa a que se atende presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
O Programa Respiro Familiar poderá financiar a atención no propio fogar da persoa dependente (modalidade Respiro no Fogar), os gastos de atención no centro de día (modalidade Respiro en Centro de Día) ou as estadías temporais en centros residenciais (modalidade Respiro en Residencia).
A través modalidade Respiro no Fogar, prestarase unha atención integral e directa no propio domicilio da persoa dependente ou con discapacidade co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertar ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou para a conciliación laboral. A contía máxima será de 1.000 euros por beneficiario /ano.
Na modalidade Respiro en Centro de Día, a axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención no Centro de Día para atender as necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados. O servizo deberá ser prestado por unha entidade autorizada como centro de día. A contía máxima tamén será de 1.000 euros por persoa/ ano.
Por último, a modalidade Respiro en Residencia, está orientada a contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados. A contía máxima neste caso será de 1.500 euros.
As solicitudes poden presentarse a través do formulario normalizado (anexo 1) dispoñíbel en sede.xunta.gal. O prazo remata o 30 de outubro deste ano.