A Área Sanitaria de Santiago e Barbanza acolle a 117 residentes que comenzan a súa formación nos seus centros de saúde e hospitais

23 Maio 2023

A Área Sanitaria de Santiago e Barbanza celebrou esta mañá os tradicionais actos de acollida de residentes e de despedida dos novos especialistas.
A xornada de acollida, que tivo lugar ás 9.30 horas no Salón de Actos do Hospital Clínico, estivo presidida pola xerente da área sanitaria compostelá, Eloína Núñez Masid, acompañada pola directora de Enfermería da área sanitaria, Victoria Carral, o presidente da Comisión de Docencia do CHUS, Rogelio Leira, o xefe de estudos da Unidade Docente de Medicina Familiar e Comunitaria, Sergio Cinza e o Decano da Facultade de Medicina da USC, Julián Álvarez.
A xerente, Eloína Núñez, deu as “grazas por ter escollido a nosa área” e a benvida e os parabéns “nun día tan especial para todos”. “Trátase dunha elección que marcará o voso futuro” engadiu. Lembroulles aos novos residentes o importante que é no trato co paciente “non só curar, senón tamén coidar, empatizar e escoitar, só así se obtén o diagnóstico acertado e o mellor tratamento”.
En total son 117 os residentes que comezaron xa esta mesma mañá a súa formación nalgún dos centros de saúde e hospitais da área sanitaria: 96 que realizan a súa formación como médicos, 14 enfermeiras especialistas (2 en saúde mental, 2 en pediatría, 2 matronas e 8 en enfermaría familiar e comunitaria), 2 farmacéuticos (un en Farmacia Hospitalaria e outro en Microbioloxía), 1 biólogo (Análises Clínicas), 3 psicólogos (Psicoloxía Clínica) e 1 físico (Radiofísica Hospitalaria).
A especialidade médica que máis residentes forma é Medicina de Familia con 40 facultativos residentes, e a que máis incrementou o número de prazas respecto a anos anteriores (10 máis que o pasado ano); seguidos de Pediatría con 6, Anestesioloxía e Reanimación con 4, 3 Cirurxía Xeral e Dixestiva, Psiquiatría e Radiodiagnóstico, 2 en Anatomía Patolóxica, Cardioloxía, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina Interna, Neuroloxía Xinecoloxía e Obstetricia e Oftalmoloxía.
O resto de especialidades incorporan 1 residente (Alergoloxía, Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Aparato Dixestivo, Cirurxía Cardiovascular, Cirurxía Pediátrica, Dermatoloxía, Endocrinoloxía e Nutrición, Medicina Física e Rehabilitación, Medicina Intensiva, Medicina Nuclear, Medicina Preventiva, Nefroloxía, Pneumoloxía, Neurocirurxía, Neurofisioloxía, Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterapia, Otorrinolaringoloxía, Psiquiatría infantoxuvenil, Reumatoloxía e Uroloxía).
Por primeira vez o Clínico acolle un residente de Psiquiatría Infantoxuvenil, único centro galego en formar nesta especialidade, que ven de ser creada en España, e que este ano forma aos seus primeiros 20 residentes en todo o territorio.
Acto de homenaxe aos residentes que rematan a súa formación Ao mediodía, na aula Magna do Edificio Nóvoa Santos, tivo lugar o acto de despedida dos que completaron a súa formación como residentes na Área Sanitaria de Santiago e Barbanza. En total 57 médicos, amais de 7 especialistas en enfermería (4 familiar e comunitaria, 2 pediatría e 1 saúde mental) 3 farmacéuticos, un químico, un físico e un psicólogo.
Á homenaxe tamén asistiron a xerente da área sanitaria compostelá, Eloína Núñez Masid, acompañada pola directora de Enfermería da área sanitaria, Victoria Carral, o presidente da Comisión de Docencia do CHUS, Rogelio Leira, o xefe de estudos da Unidade Docente de Medicina Familiar e Comunitaria, Sergio Cinza e o Decano da Facultade de Medicina da USC, Julián Álvarez.
Todos eles felicitaron aos asistentes e animáronos a seguir formándose na súa actividade asistencial pero tamén na docencia e na investigación.
Eloína Núñez, que foi quen presidiu o acto, agradeceulle aos residentes o seu labor nestes últimos anos: “Rematades unha etapa apaixoante e comezades outra, que seguro seguirá implicando compromiso e aprendizaxe continua”.
“Sodes unha xeración formada no transcuso dunha pandemia inédita. A vosa experiencia, o voso paso polos hospitais e centros de saúde fai que sexades especiais. Levaredes sempre con vós uns recordos que contribuíron ao voso crecemento persoal e profesional” – engadiu a xerente. Quen rematou desexándolles “moitos éxitos nas vosas vidas”.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...