
Cun atraso dunha hora debido á falta de vento na enseada de Vilagarcía, deuse a
saída á definitiva manga da LIGA DE CRUCEIROS RIA DE AROUSA 2023. Unha etapa
programada pola organización en modalidade inversa para darlle carpetazo a esta emocionante
regata, que chegaba á súa última xornada con moitas cousas por decidir.
Na clase regata, o primeiro posto parecía asegurado para o Santanas, do local José
Manuel Millán e así foi, valeulle cun terceiro nesta regata para deixar nas vitrinas do centenario
Real Club de Regatas de Galicia o trofeo que o acredita como o máis regular nesta clase. As
faíscas saltaban na disputa polo segundo caixón do podio, onde o pobrense Chispetrén e
o ribeirense Moucho xogábanse a prata e o bronce. A moeda caeu ao lado do representante
do CN Arousa Norte por escasos metros e con iso relegaba ao Moucho á terceira posición.
Se na clase regata saltaban faíscas, mais do mesmo na loita polo primeiro posto da
clase Cruceiro-Regata. O ata o de agora líder, o Fixius, de Miguel Pérez Lafuente sentía no seu popa
o alento do Cámping Ría de Arousa xa que chegaban a esta última xornada separados por un só
punto. O barco que gañase a etapa en augas de Vilagarcía levaría o trofeo para o seu palmarés,
e así foi como o Cámping volveu levar a xeral desta clase un ano máis, despois de gañar
xa a edición do 2022. Unha protesta do Fixius ao Cámping Ría de Arousa, por un cruzamento entre
ambas as embarcacións nas inmediacións da baliza do Seixo, que finalmente foi
desestimada polo comité de protestas, axudou a poñerlle emoción ata máis aló da liña de chegada
a esta rifada clase. Terceiro posto para o A Píllara, do CND de Ribeira.
Entre os cruceiro dominio absoluto do Orlando, que con 5 vitorias de 6 posibles dominou con puño
de ferro esta clase. Segundo caixón do podio para Galopín e terceiro posto para o
pobrense Thor II.
Ao finalizar a regata realizouse a entrega de trofeos na sede do RCR de Galicia.

CLASIFICACION FINAL
CLASE REGATA
1 – SANTANA ́S – JOSE MANUEL MILLÁN – REAL CLUB DE REGATA DE GALICIA
2 – CHSPETRÉN – JESÚS IGLESIAS – CLUB NAUTICO AROUSA NORTE
3 – MOUCHO – DANIEL AYASO – CLUB NAUTICO DEPORTIVO DE RIBEIRA
CLASE CRUCEIRO – REGATA
1 – CÁMPING RIA DE AROUSA – JOSÉ MANUEL POMBAR – CLUB NAUTICO AROUSA NORTE
2 – FIXIUS – MIGUEL PÉREZ LAFUENTE – REAL CLUB DE REGATA DE GALICIA
3 – A PÍLLARA – IAGO BEN – CLUB NAUTICO DEPORTIVO DE RIVEIRA
CLASE CRUCEIRO
1 – ORLANDO – GERARDO SANCHEZ-BRUNETE – CLUB NAUTICO AROUSA NORTE
2 – GALOPIN-SUCCESS SCREAM- MANUEL FRANCO – CLUB NAUTICO DEPORTIVO DE RIVEIRA
3 – THOR II – GUILLERMO VARELA – CLUB NAUTICO AROUSA NORTE




