O alumnado da especialidade de Cociña do Obradoiro de Emprego Tahume VIII recibiu a visita da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta · Porco Celta. O técnico veterinario da asociación explicou ás persoas participantes cal é o cometido da entidade (a recuperación e a conservación da raza do porco celta, co obxectivo de “darlle o lugar que lle corresponde como patrimonio xenético e cultural de Galicia, legándoo a xeracións futuras”) e achegoulles unhas pinceladas sobre a historia da asociación e sobre as principais características da dita raza porcina. Tamén botou luz sobre os trámites para poder abrir unha explotación porcina con estratexias innovadoras. Para rematar amosoulles algún dos produtos derivados do porco celta e ensinoulles o selo que o identifica.

O Obradoiro de Emprego Tahume VIII é unha iniciativa conxunta dos Concellos de Porto do Son e Ribeira para incrementar a formación profesional da veciñanza e mellorar a súa empregabilidade. faino a través de formación especializada, avanzada e práctica, poñendo o foco na mocidade local. Un total de vinte alumnos e alumnas participan nesta convocatoria. Esta oitava edición é dual, xa que están a ser impartidas dúas especialidades distintas, por unha banda operacións básicas de cociña e pastelería e, pola outra, confección e montaxe de artes e aparellos.


