Trenor anuncia no Son a licitación dos traballos para renovar a cuberta do CEIP Santa Irene

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, visitou este venres 17 de marzo as instalacións do CEIP Santa Irene, onde puxo o foco na licitación dos traballos para renovar a cuberta deste centro. Esta actuación suporá un investimento de máis de 265.000 euros, dixo, engadindo que as actuacións previstas encádranse nunha estratexia integral para mellorar a funcionalidade dos centros educativos, “ofrecendo un mellor servizo á comunidade educativa”.

A actuación do dito CEIP Santa Irene consiste na retirada do material de cobertura da cuberta actual (placas nervadas de chapa simple, sen ningún tipo de illamento) por paneis sándwich de chapa de aceiro galvanizado resistente aos ambientes mariños.

Tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta, estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos “en instalacións máis eficientes e sustentábeis, axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas, con espazos funcionais, amplos e flexíbeis, mobiliario con rodas, etc”.

Dotado cun orzamento de 191M€, a través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos.

Esta actuación conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.