Os espectáculos O porco de pé e Continente María recalan en marzo no Noela (entradas dispoñíbeis)

20 Febreiro 2023

Participa no día de Rosalía! 📚 O vindeiro 23 de febreiro celebraremos o día de Rosalía de Castro, unha das figuras máis importantes da nosa literatura 🖊️

Dende a Concellería de Cultura queremos difundir e poñer en valor o seu legado, por elo invitámosvos a gravar un vídeo (máximo 2 minutos de duración) coas vosas obras favoritas de Rosalía e publicalo co hashtag #culturaconcellodenoia💻

Dende as nosas redes sociais compartiremos as publicacións! 😃

Noia é cultura 🎭

A Área de Cultura de Noia que dirixe José Pérez informou de que xa están dispoñibles en ataquilla.com, as entradas para as vindeiras obra teatrais que se desenvolverán no Coliseo Noela. Estas son as obras previstas:

-O sábado 4 de marzo as 20:30, O porco de pé, baseada na obra de Vicente Risco e dirixida a un público +16 anos.

-O sábado 25 de marzo, Continente María, de Ainé Producións, dirixida a un público +16 anos.

Tamén se poderán mercar o día da función no portelo do teatro, de 19:30 a 20:15

Prezos das entradas

Tarifa normal 5 € + gastos de xestión.

Tarifa estudantes 4€ + gastos de xestión.

O porco de pé

Producións Teatrais Excéntricas trae baixo a dirección de Quico Cadaval (Ribeira 1960) un clásico da nosa literatura O porco de pé de Vicente Risco, a novela coa que “Galicia entrou na modernidade literaria hai case cen anos”.

Esta versión de Quico Cadaval e Pepe Sendón conta coa aprobación da Fundación Vicente Risco e foi seleccionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para formar parte do programa TeCe Redes.

O espectáculo non deixa de lado, senón que máis a potencia, a capacidade que tivo Vicente Risco de detectar, ha xa cen anos, unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses do seu tempo. “Trátase dunha divertidísima sátira a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabaré, que ten hoxe mais vixencia que nunca e que propón unha fascinante viaxe á década do 20 do século XX”, explican dende a compañía onde milita Quico Cadaval, e máis tamén, os tres “fenómenos” que constitúen o elenco: Patricia Vázquez, Victor Mosqueira e Evaristo Calvo.

Continente María

No 2022 celebrouse o centenario do nacemento da actriz galega María Casares. Nada na Coruña o 21 de Novembro de 1922, sufriu o exilio tralo golpe de estado fascista no ano 1936 e viuse obrigada a emigrar a Francia, onde se converte nunha das actrices máis sobranceiras do momento.

Partindo do seu estudo e dun intenso traballo documental sobre a súa vida e as súas circunstancias, a compañía teatral Ainé argallou un espectáculo que é “un achegamento á nosa historia recente dun xeito reflexivo, dinámico, vitalista e crítico”, sinalan, engadindo que Continente María é unha homenaxe á figura de Casarase desde a terra que a viu nacer, utilizando o mesmo medio que ela decidiu habitar até os seus últimos días: o teatro.

Continente María constitúe ademais un espectáculo no que se unen teatro, poesía e música para “confrontarnos coa memoria recente do noso país a través da inmersión na personalidade de María Casares e na súa historia de vida, que simboliza como poucas o exilio, pero tamén a resiliencia e a procura dunha vida plena a pesar de todas as dificultades dunha existencia atravesada polos grandes conflitos do século XX”.

O elenco está formado por Melania Cruz e Vadim Yukhnevich. O texto é de Marianela Morena e a dirección de Tito Asorey.

Coprodución de Ainé Producións con A Quinta do Cuadrante, Concello da Coruña e o Centro Dramático Galego.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión