
O Concello de Lousame prepárase para celebrar ao grande a XXII Festa do Galego cunha programación que inclúe seis actividades culturais gratuítas que se desenvolverán entre o 10 e o 30 de maio. A participación nas accións propostas será de balde e libre, se ben nos casos do contacontos, do concerto e da sesión de teatro será preciso reservar a entrada a través de bandoticket.com.
A XXII Festa do Galego de Lousame arrincou na Casa da Cultura o 10 de maio, co contacontos Kalopsia: un planeta non tan diferente. Promovido por Europe Direct A Coruña, tratará de achegar a rica tradición literaria europea á rapazada lousamiá.
Este xoves 16 de maio, o Concello inaugurará unha exposición sobre a vida e obra de Zernadas de Castro no atrio da Igrexa de Fruíme. Unha actividade previa á tradicional ofrenda floral, que este ano celebrarase o sábado 18 de maio, ás 13:00 horas.
O domingo 19 de maio, ás 18:00 horas, a praza do Concello acollerá un concerto infantil a cargo de Uxía Lambona e a Banda Molona, que presentarán o seu novo espectáculo Un soño é….. En caso de choiva, o espectáculo trasladaríase ao Polideportivo Municipal da Silva.
Unha semana despois, o domingo 26 de maio ás 18:00 horas, o auditorio da Casa da Cultura acollerá a montaxe de pequeno formato De Vilatriste a Vilalegre, unha peza de teatro dirixida a un público infantil en coprodución con Teatro O Cubo, Sofía Espiñeira e Roberto Casal.
Finalmente, a Casa da Cultura de Lousame acollerá a inauguración dunha exposición da vida e obra de Luísa Villalta, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.




