O Concello de Ribeira puxo en marcha unha campaña para difundir ante a veciñanza do municipio as actuacións e melloras realizadas no marco da estratexia EDUSI Máis Ribeira Atlántica. A campaña, presentada baixo o lema Lucir Ribeira, ten o obxectivo de “ofrecer unha imaxe real e actual da cidade e das parroquias”. Farao mediante iniciativas de proximidade que potencien o sentimento de pertenza ao dito territorio. Trátase, tamén, dun convite aos veciños para “levar Ribeira na pel” e a “ser parte activa no lucimento e na posta en valor dos seus lugares, recursos e atractivos”.

A veciñanza, protagonista
Segundo fixo saber o Concello, a veciñanza será a protagonista dunha campaña que terá ampla presenza nas redes sociais. Participarán nela ribeirenses de diferentes idades, lugares e profesións. Un deles é o parataekwondista catro veces campión do mundo Álex Vidal, que debutou nos Xogos Paraolímpicos de Toquio 2020, sendo o único representante de España na estrea desta nova disciplina. Tamén participan Mariví e María, remeiras do Club de Remo Náutico de Ribeira, e Marta Blanco, do Patinaxe Ribeira, gañadora da medalla de prata na Copa de Europa de patinaxe.
Outra veciña que aparece na campaña é Gloria Lijó, a primeira muller española en embarcarse na pesca de altura, nadadora premiada e actual presidenta do Centro Santa Uxía da Terceira Idade de Ribeira. E homes de mar como José Antonio Pérez Sieira, patrón maior de Ribeira e presidente da Federación Galega de Confrarías; ou Rubén Lijó, rescatador marítimo de Gardacostas de Galicia e persoa á fronte do proxecto Pegasus Rescue Team.
Ademais, o bailador e coreógrafo Fran Sieira; alumnos do Club Patinaxe Ribeira, Eizan e Marta; Anabel e Sara Sevilla, representando á Real e Ilustre Confraría da Dorna; Olegario Sampedro, presidente do Instituto de Mediación Educativa de Ribeira; e Manuel Reiriz Dios, presidente do Centro Recreativo de Artes, responsable do Museo Etnográfico de Artes e concelleiro, entre outras, da primeira corporación democrática 1979-1983, a piques de presentar as súas memorias.
Liñas de actuación da Estratexia EDUSI Máis Ribeira Atlántica
A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentábel Integrado (EDUSI) Máis Ribeira Atlántica 2020 conta cun orzamento global de 6.250.000€ e está co-financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.
A EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020 divídese en catro grandes liñas de actuación:
• Ribeira intelixente: o seu obxectivo é mellorar o acceso, uso e calidade das Tecnoloxías da Información e da Comunicación.
• Ribeira eficiente: busca favorecer a transición a unha economía con baixo nivel de emisión de carbono en todos os sectores.
• Ribeira turística: quere conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia no uso de recursos.
• Ribeira humana: dirixida a mellorar a inclusión social e a loitar contra a pobreza.
En total, máis de 15 actuacións conforman o proxecto da EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020. Algunhas delas están rematadas e xa están a ser usadas polos veciños e visitantes de Ribeira. O resto das actuacións atópanse en fase de execución ou previa licitación.
Unha das actuacións realizadas é a reordenación da avenida do Malecón, obra na que, entre outras melloras, creouse un carril bici e ampliouse a zona destinada a peóns.
Amais, materializáronse varias sendas que poñen en valor o patrimonio cultural, natural e turístico de Ribeira, como a implantación dunha senda costeira peonil entre Punta do Laño e Porto Fenicio ou a creación dunha senda turístico-fluvial polo río Pedrín.
No ámbito tecnolóxico, modernizouse a administración a través das TIC implantando solucións propias de Cidades Intelixentes, co obxectivo de ofrecer á cidadanía ferramentas que permitan realizar trámites administrativos máis áxiles e eficientes e novos servizos intelixentes que contribúan á dinamización social e económica do municipio.
Doutra banda, leváronse a cabo diversas actuacións dirixidas a mellorar a eficiencia enerxética na administración pública e a iluminación eficiente en zonas como o parque de Punta do Castro ou a franxa litoral entre Palmeira e Aguiño con luces LED. Tamén está prevista a renovación da envolvente térmica do Conservatorio de Música.
En canto á mobilidade, procederase á remodelación, humanización e pacificación do tráfico na fronte marítima e a rúa de Castelao en Aguiño, ao reforzo da rede de semáforos e á mellora da seguridade viaria peonil e ciclista en pasos de peóns.
Ademais, está a traballarse na creación do Novo Auditorio de Ribeira, ao que se dotará dun sistema intelixente de control e de telexestión, e no que se habilitará unha sala polivalente para a prestación de diversas actividades socioculturais, un vestíbulo con soportal exterior e unhas escalinatas/gradería.
Outro proxecto previsto consiste na rehabilitación dun edificio para albergar situacións transitorias de persoas en situación de vulnerabilidade.
O concello de Ribeira habilitou a páxina web Máis Ribeira Atlantica, na que se ofrecerá información detallada e actualizada sobre as diferentes actuacións levadas a cabo no marco do proxecto EDUSI.
Amais, publicaranse as novidades sobre as actividades e proxectos da EDUSI nas redes sociais, Instagram, Facebook e Twitter do Concello de Ribeira, ademais da difusión da propia campaña Lucir Ribeira nos medios de comunicación.


