A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de comunicar ao Concello de Ribeira a súa intención de entregar á Aula CeMIT, centro de dinamización, formación e divulgación tecnolóxica situado no barrio de Cubeliños, unha serie de material disruptivo para súa actividade.
En concreto, a instalación vai recibir o seguinte material: unha impresora 3D e un kit de consumíbeis, un equipo de robótica composto por trebellos tecnolóxicos educativos e kis de construción, un kit de drons, lentes de Realidade Virtual e controladores e un kit de placas de comunicación e programación, composto por placas tipo Arduino e Raspberry Pi 4 Model Quad-core 64 bits.
Esta entrega de material tecnolóxico materialízase a raíz da solicitude do Concello de Ribeira de adhesión ao Plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT.




