O Concello de Ribeira informou de que “rematados os correspondentes prazos de presentación de ofertas”, foron seis as propostas presentadas para a instalación no Malecón dunha varanda separativa co recheo portuario e tres as que o Concello recibiu para o deseño e colocación neste paseo de dúas marquesiñas.

O Concello lembrou que “estas dúas iniciativas forman parte do paquete de actuacións destinadas a mellorar a avenida do Malecón”, entre as cales cóntanse tamén as obras de accesibilidade que se están a realizar no tramo comprendido entre Rosalía de Castro e a rotonda que conflúe con Romero Ortiz, ou o próximo cambio de pavimento no carril bici.
No tocante ás dúas marquesiñas, responden ao ánimo de “facilitar o uso do transporte público”. Unha delas instalarase xunto á citada rotonda (que dará servizo a puntos próximos como o centro de saúde) e a outra á altura de Rosalía de Castro.
As empresas interesadas deberán realizar unha proposta de deseño dos elementos a subministrar, “debendo gardar harmonía coas infraestruturas públicas da contorna”, explicou o Concello, engadindo que “a estrutura deberá ser realizada en aceiro galvanizado en quente e calado ou material con características superiores aen canto á corrosión e menor necesidade de mantemento”.
O prazo de execución son dous meses e o orzamento base de licitación ascende a 29.040 euros, IVE incluído. As empresas interesadas dispoñen ata o 18 de xaneiro á medianoite para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).
Por outra parte, tamén se vén de licitar a instalación dunha varanda separativa entre o Malecón e o recheo portuario no treito comprendido entre Rosalía de Castro e a nova terminal de autobuses. Estará feita de aceiro inoxidábel, estando formada por dúas seccións, unha de 200 metros de longo e 90 centímetros de altura e a outra de 52,5 metros de longo e 50 centímetros de altura.


