O Concello de Ribeira adxudicou dúas actuacións encamiñadas a acondicionar como Aula Municipal de Ballet as instalacións do antigo Pub Tótem, situadas na confluencia da rúa Lepanto coa rúa da Barreira. Os traballos propiamente ditos serán realizados pola Brigada de Obras, porén o Concello explica que se fixo necesario contratar por unha parte a renovación da carpintería exterior e, por outra, as instalacións de fontanería e electricidade.

No primeiro eido, preténdese renovar a carpintería exterior para mellorar o illamento do local, xa que a carpintería é moi antiga e cómpre substituíla, informaron fontes do Consistorio. Entre as accións previstas figuran a colocación dunha nova porta de entrada, persiana de seguridade e a substitución das xanelas por outras con cristal de cámara laminado. Tamén o remate exterior mediante recercados das ventás.
As obras foron contratadas a Carpintería de Aluminio R. B. Sande e comportan un investimento de 11.359,48 euros, IVE incluído. Ten un prazo de execución de dous meses.
Mentres, as instalacións de fontanería e electricidade do local municipal recaeron na empresa SVI 40 Contratas, Servicios e Ingeniería e supoñen un investimento de 24.321,56 €, IVE incluído. A actuación engloba obras de fontanería (acometida e distribución de auga, termo eléctrico, instalación interior de aseos e vestiarios), saneamento interior e exterior, e electricidade (iluminación zona de ensaios, iluminación de aseos e outras dependencias, alumeado de emerxencia, etc…). A execución destes últimos traballos ten un prazo de dous meses.