Porto do Son vai contar en datas vindeiras cun novo servizo de información turística, con sede física propia en Portosín, vencellado á cultura mariña. Segundo puidemos saber, a nova oficina de atención, que estará operativa en breve, foi posíbel grazas ao impulso compartido e ao traballo colaborativo do Concello coa Confraría de San Andrés, a a Asociación de Redeiras do Cerco de Portosín, a través dunha candidatura específica ás axudas de desenvolvemento local da Consellería do Mar.

A sede do servizo estará na nave de redeiras de Portosín, remodelada nun principio para mellorar o día a día das profesionais e logo reacondicionada e reforzada con este novo cometido turístico (ao xeito das actividades de divulgación e desenvolvemento que levan a cabo dende hai anos as mariscadoras da Pobra do Caramiñal, que mostran regularmente a visitantes, residentes e centros escolares como se desenvolve a súa importante actividade profesional).
A xestión do novo servizo correrá a cargo do Concello de Porto do Son.
As obras desenvolvidas na nave precisaron dun investimento de 270.677 euros (dos cales un 93% foi subvencionado a través do GALP Costa Sostible).