A CIG denuncia incumprimentos de xornada de residentes na área sanitaria de Santiago


O sindicato CIG da área sanitaria de Santiago- Barbanza denunciou incumprimentos de xornada que cortan o tempo de descanso aos residentes dos centros sanitarios da zona. A representación de traballadores remitiu un escrito á dirección de recursos humanos para esixir a convocatoria da Comisión de Seguimento do Persoal Residente.

A CIG argumenta que, mentres que este tipo de comisións foron constituídas noutras áreas sanitarias en abril do 2021, a día de hoxe non se sabe cando se vai a convocar na área sanitaria de Santiago e Barbanza, algo que foi pedido “por activa e por pasiva”. “Desde a CIG-Saúde estamos cansos de que a Xerencia non teña intención de que funcione, non sabemos se pola súa desidia, incompetencia ou pola irresponsabilidade na xestión por resolver as posibles incidencias dás e dous residentes en formación na área sanitaria”, sinalan.

Denuncian que, entre outros problemas, non se está garantindo o cumprimento de condicións e dereitos que ten o persoal residente. Desde o sindicato non entende por que aínda non se convocou a Comisión para nada máis que a súa constitución e sinalan que esta “indesexable situación” afecta “seriamente” á credibilidade da xerencia “polo incumprimento do acordo de Residentes en formación desta área sanitaria”.

Entre outras cuestións, o acordo recolle unha xornada anual do persoal residente de 1.624 horas, e que, con carácter xeral, non deberían realizar máis de cinco gardas ao mes, algo que se podería ampliar a sete por necesidades formativas. Ademais, os residentes teñen dereito a un mínimo de descanso ininterrompido de 12 horas entre xornadas e que, en caso de non ser posible, aplicarase un réxime de compensación con descansos alternativos.

Por todo iso, desde o sindicato esixe que se convoque a comisión para abordar o cumprimento destas cuestións e garantir así as condicións laborais aos residentes.