A Cabalgata de Ribeira vén con dez carrozas e recupera o seu percorrido habitual polas rúas da cidade

02 Xaneiro 2023

A concelleira María Sampedro presentou este luns 2 de xaneiro o programa da Cabalgata de Reis de Ribeira, que, segundo dixo, recupera este ano a súa versión tradicional co percorrido habitual polas principais rúas da cidade e co lanzamento dunha tonelada de caramelos, aptos para celíacos, dende as carrozas.

O evento foi presentado pola concelleira de Cultura, María Sampedro, quen avanzou que a Cabalgata estará formada por dez carrozas, das cales tres son as das Súas Maxestades, unha carroza da Estrela de Belén e seis carrozas de temática infantil , acadando unha participación duns 175 nenos e nenas das diferentes asociacións do municipio, como Amencer, Alfaia, Amas de Casa, Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, Asociación Veciñal de Carreira, Flor de Toxo e Aires de Dorna.

No marco dos actos conmemorativos do 75º aniversario da Festa da Dorna, as Súas Maxestades chegarán a Ribeira por mar a bordo das tres dornas da Real e Ilustre (a Dorna Nai, a Jalerna e a Virxe do Carme) e atracarán no Porto de Ribeira ás seis da tarde. Alí serán recibidos con pirotecnia e a continuación dirixiranse cara as súas carrozas para darmos saída ao percorrido.

Segundo informou Sampedro, a comitiva será completa e numerosa, formada por distintas agrupacións e compañías que se encargarán de encher de música, luz e animación o percorrido. Así, soará a música da banda de gaiteiros Os Castros de Ames, a Charanga BB+ e a comparsa Fanfarria Furruxa e a banda de música de Ferrol Cristo de la Buena Muerte.

Xunto con eles, haberá tamén a animación dos grupos O séquito do capitán Nemo e a de A Quenlla de Arousa, de Barafunda, que están formados por diferentes personaxes decorados con globos como anémonas, peixe escuma, zancudos, pompeiras e mergulladores.

A edil engadiu que o devandito completarase co desfile da compañía Can Cun Quinqué co seu espectáculo itinerante“A Danza dos paxaro” formado por grandes e coloridos paxaros cabezudos. “Trátase dunha forte aposta pola animación e a música co obxectivo de dar aínda máis relevancia e vistosidade ao que é un dos grandes eventos das festas do Nadal”, dixo.

O percorrido pasará polas rúas do Malecón, Barreira, Galicia, Malecón, Rosalía de Castro, Alcalde Fernández Bermúdez, Rosalía de Castro e rematará na praza do Concello onde as súas maxestades visitarán o Belén Vivinte que estará nos soportais e que co-organiza a Asociación Alfaia, e a continuación haberá fogos artificiais e dirixiranse a todas as persoas que estean agardando polo discurso real e procederán a realizar o sorteo de 3 superagasallos entre os nenos e nenas que recibiron as súas rifas por visitar ao Carteiro Real, o Apalpador e o Papá Noel nas distintas actividades da Concellería de Cultura. Ao remate recibirán dende os soportais a todas as nenas e nenos que así o desexen.

En canto ao dispositivo de seguridade para este evento, cómpre resaltar que estará operativo o habitual coa colaboración da Policía Local para a regulación e cortes de tráfico necesarios, de Protección Civil de Ribeira, do grupo GAEM así como dunha ambulancia asistencial durante todo o percorrido.

Ademais, a concelleira agradeceu a todos os veciños e veciñas que actúen con cautela e precaución sobre todo durante o paso das carrozas polas rúas máis concorridas para evitar aglomeracións, caídas ou calquera outra situación de risco.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eu vi a árvore chorar” – Manuel Domínguez

“Eu vi a árvore chorar” – Manuel Domínguez

Eu vi a árvore chorar. Em honra da verdade choramos juntos. E entre lágrimas e balbucios de palavras, mesmo entendendo porque ele estava chorando, perguntei a ele. Ele não estava chorando pela fruta perdida, podiam ser maçãs, laranjas, neste caso eram pinhas, pinhas...