
A Biblioteca Municipal de Noia compartiu a súa axenda de actividades para este mes de outubro: unha programación con tres propostas para descubrir historias, fomentar a lectura e deixar voar a creatividade. Son actividades organizadas en colaboración coa Rede de Bibliotecas de Galicia, o programa Ler Conta Moito e o Concello de Noia.
A axenda comezará con As Josefas, un espectáculo de artes escénicas previsto para este venres 2 de outubro a partir das 18.30 horas. Trátase dunha cita para nenas e nenos de 4 a 7 anos, con 35 prazas. As inscricións están abertas.
O venres 9 de outubro chega outro espectáculo familiar: Porquiño vai ao mar, unha sesión de narración oral que dará comezo ás 18.30 horas e que está concibido para crianzas con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos, con 20 prazas de aforo. As inscricións abren este mércores 30 de setembro.
A axenda prosegue o venres 16 de outubro con Scriptorium. A palabra convertida en arte, un obradoiro creativo previsto para as 18.30 horas da dita xornada do 16. Trátase dun espectáculo para nenas e nenos de 8 a 12 anos, con 20 prazas. As inscricións abren o mércores 7 de outubro.
Para formalizar as inscricións cómpre escribir a bibliotecamunicipaldenoia@gmail.com indicando o nome e a idade do neno ou nena, o nome da persoa adulta responsábel e un teléfono de contacto.



