
O BNG levará ao Parlamento galego a situación da atención primaria nos centros de saúde e PAC da comarca do Barbanza, unha situación que os grupos locais do BNG cualifican de “precaria”. A situación, din, arrastra carencias dende hai meses e mesmo anos “sen unha resposta por parte da Consellaría de Sanidade.
A deputada do BNG, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei para reclamar á Xunta que “cubra de maneira estábel a totalidade das prazas de persoal sanitario e non sanitario que corresponden aos centros de saúde e PAC da comarca”. A iniciativa pon o foco concreto nos casos de Aguiño, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Rianxo, onde, segundo lembrou, “acumúlanse diferentes problemas de cobertura e prestación de servizos”.
Segundo explicou Rosana Pérez, durante o verán, cando a poboación da comarca aumenta de maneira significativa, a Xunta “non só non reforzou os cadros de persoal, senón que nin sequera cubriu todas as ausencias por vacacións”. Esta situación “está a traducirse nun incremento da carga asistencial, maiores tempos de espera para conseguir cita e unha maior presión sobre as urxencias dos PAC e do hospital comarcal”, dixo.
O BNG sinala situacións concretas como a de Aguiño, “onde continúa sen cubrirse desde hai case un ano unha das dúas prazas de profesionais que debería ter o consultorio; a de Ribeira, que segue sen contar coa totalidade do persoal que lle corresponde e ten ademais dúas prazas sen cubrir por unha xubilación e un traslado; ou a da Pobra do Caramiñal, onde permanece vacante unha das sete prazas de persoal facultativo e o PAC continúa pechado polas tardes, obrigando á veciñanza a desprazarse a Ribeira”, lembrou o voceiro do BNG en Ribeira, Luís Pérez Barral.
No caso de Rianxo, o concelleiro Fran Rei, reclamou tamén o cumprimento do compromiso adquirido en 2024 polo xerente da área sanitaria para ampliar o horario do PAC, que actualmente só presta servizo entre as 22.00 e as 8.00 horas nos días laborábeis. Ademais, o BNG reclama que a ambulancia do 061 pase a prestar servizo durante as 24 horas, fronte ás 12 horas actuais. Da mesma maneira, os edís denuncian “a consecuente privatización ao que a Xunta leva aos servizos públicos que deberan de ser en todo caso dignos, unha mostra disto é a situación na que se atopan as traballadoras da limpeza dos centros de saúde de Rianxo, Boiro e Ribeira, que levan meses implorando o cobro das nóminas atrasadas”.
Por este motivo, a iniciativa parlamentaria reclama á Xunta “cubrir todas as prazas dos centros de saúde e PAC do Barbanza, reabrir a tempo completo o PAC da Pobra, ampliar o horario do PAC de Rianxo e garantir as 24 horas de cobertura da ambulancia do 061 neste concello”.
Rosana Pérez tamén preguntará ao Goberno galego cando pensa adoptar medidas para corrixir unha situación que, advirte o BNG, “non deixa de empeorar”.



