Ribeira rendeu un sentido homenaxe aos membros da primeira corporación da democracia

03 Decembro 2022

A falta de tres días para o 44º aniversario da Constitución Española, o Concello de Ribeira rendeu
este mediodía un emotivo acto de homenaxe aos membros da primeira Corporación da Democracia, que desempeñaron o seu labor entre 1979 e 1983, con Lisardo Valeiras Bravo como alcalde.
O programa organizativo deu comezo no paseo do Malecón coa apertura da exposición conmemorativa ao aire libre que, formada por un total de quince paneis, lembra aquela etapa.
Así, por medio de fotografías, documentos do Arquivo Histórico Municipal, recortes de prensa ou gráficas e textos explicativos recórdase como foron aquelas primeiras eleccións, celebradas o martes 3 de abril de 1979 e que déron pé a que o xoves 19 de abril de 1979 se constituíra a primeira Corporación da transición con cinco formacións representadas: (Coalición Democrática, Unión de Centro
Democrático, Partido Socialista Obreiro Español, Agrupación de Electores Progresistas e Bloque Nacional Popular Galego; todo isto, contextualizado con episodios que transcenderon o local ou marcaron
aquela época, como as dúas expedicións do Xurelo para protestar contra os vertidos nucleares na fosa atlántica, o impacto da crise do aceite de colza no sector conserveiro da comarca, o Estatuto de
Autonomía, as protestas contra a entrada da OTAN, o terrorismo de ETA ou o golpe de estado do 23-F.
Alí tomaron a palabra o comisario da mostra Miguel Ángel Vidal e máis o alcalde, antes de dar paso á segunda parte da homenaxe coa celebración dun acto institucional nun concorrido Auditorio Municipal,
onde Manuel Ruiz Rivas fixo entrega dunha insigna co escudo do Concello e unha metopa conmemorativa aos distintos edís sobrevivientes e máis aos representantes das familias do que xa
faleceron. Antes, o xornalista e historiador ribeirense, Xosé María Fernández Pazos ,fixo unha rápida semblanza daqueles catro anos de Corporación, que por mor de diversas renuncias por razóns persoais
e profesionais chegou aos 27 membros: 26 homes e unha muller.

María Nespereira Prada, única muller daquela corporación

O acto celebrado no Auditorio contou coas intervencións de cinco dos sete edís presentes: Manuel Reiriz Dios, Vicente Fernández González, Santiago Méndez Vites, Francisco Crusat López e, precisamente, María Nespereira Prada, quen rememorou a súa “ousadía” ao meterse en política cando todo estaba por facer. Nos distintos discursos foron aflorando moitas anécdotas e vivencias daqueles tempos, moitas das cales espertaron as gargallados do público ou provocaron bágoas de emoción. Ademais dos cinco edís
anteditos, tamén estaban presentes Miguel López Fariña e Xoán Fernández Martínez.
Tamén participaron no acto representantes das familias de Ricardo Pérez Queiruga, José Pérez Sánchez, José Maria Rivas Colomer, José Manuel Sampedro Suárez, Severino Nieto López, José Silva Álvarez, Manuel González Sampedro, Manuel Cadórniga Cadórniga, Luis Pouso Faro, Lisardo Valeiras Bravo, Modesto Villar Landeira, José Pérez Bernárdez, Juan Manuel Santos Bermúdez, Manuel Vizcaya Sampedro, Mariano Vidal Rial e Francisco Sampedro Regueira.
Pechou a homenaxe o alcalde Manuel Ruiz, quen salientou que dificilmente é atopar na política unha etapa de tanta xenerosidade e de facer país como é aquela, logo de corenta anos de escuridade.
“Quizá o de hoxe sexa . tamén un día de reflexión: para ver no voso exemplo o que, os que aquí estamos, podemos aportar para mellorar a vida dos demais independientemente das siglas que nos acompañan”, setenciou.
Os profesores do conservatorio Ana Fernández e José Fungueiriño e puxeron a nota musical ao evento do Auditorio, presentado por Irene Maneiro; en tanto que na inauguración da exposición soou a banda
Os Castros de Ames.
Acto no Auditorio:

Ribeira homenaxe á Primeira Corporación Democrática

Por Xosé María Fernández Pazos

 Este sábado asistimos á inauguración na avenida do Malecón da mostra sobre a primeira corporación democrática ribeirense trala ditadura.

Non podía ser mellor o lugar escollido, fronte a onde estivo precisamente a primeira casa consistorial, que ardeu a noite do 10 ao 11 de abril de 1862, perdéndose naquel día toda a documentación existente desde a creación do concello.

Hai que retroceder a 1821 cando o Goberno ordenou crear 32 concellos na comarca que  no  actual municipio serían os de Ribeira, Palmeira, Carreira e Olveira, se ben non chegaron a exercer actividade administrativa porque non tiveron tempo para poñerse en marcha.

Os concellos da comarca tiveron, iso si, unha vida efémera, desde 1821 a 1823, cando a volta ao poder de Fernando VII fixo que se regresase ao Antigo Réxime.

Anos despois  en 1835 decidiuse a fusión de boa parte dos case 654 que se crearan anos antes, pasando os catro mencionados a terse que integrar no da Pobra.

Por sorte para a nosa historia, non se executou a orde, e deixou a Santa Uxía como capital municipal das oito parroquias existentes naqueles anos, entre as que figuraba Ribasieira, que pasaría uns meses despois a integrarse no concello de Porto do Son.

Exposición no Malecón

1979

Avanzando na historia situámonos na lexislatura do ano 1979. Anos convulsos na política española con atentados, intentos golpistas e unha ilusionante e incipiente preautonomía.

Dúas convocatorias tiveron lugar ese ano tras a aprobación da Constitución de 1978. A primeira delas foron as xerais do xoves 1 de marzo de 1979, a segunda as municipais do martes 3 de abril, que quince días despois, o xoves 19 de abril, daban lugar á primeira corporación da Transición.

Pero fagamos historia daquel día. Once da mañá. Salón de plenos de Ribeira. A esa hora, tras os emblemáticos comicios do 3 de abril, comézase a recuperar a historia da democracia na capital do Barbanza.

Para constituír a primeira corporación elixida polo pobo, fórmase a mesa cos concelleiros electos de maior e menor idade, que naquela ocasión eran Ventura Rial Biscaia, nacido en 1923 e que presidiría a mesa, e Mariano Vidal Rial, que nacera en 1950. 

Hai que salientar que as eleccións municipais non deixaran un panorama fácil no concello. Así, a dereita, daquela baixo as siglas de Coalición Democrática e capitaneada por Ricardo Pérez Queiruga, fora a lista máis votada e conseguiu seis edís. Só uns escrutinios por detrás quedou a candidatura do centro, da UCD, que tamén conseguiu media ducia de asentos na corporación.

O partido de Adolfo Suárez estaba encabezado entón en Ribeira por Lisardo Valeiras Bravo; con 4 escanos quedou o PSOE de Francisco Crusat López; con 3 a Agrupación de Electores Progresista de Ribeira (PROA) que lideraba Santiago Méndez Vites, e con 2 situouse a lista do Bloque Nacional-Popular Galego, do malogrado Mariano Vidal Rial.

Con estes resultados o panorama no pleno para elixir o alcalde non estaba nada definido. De pouco serviu que CD votase o seu cabeza de lista e que os nacionalistas apostasen polo seu líder. Así, ao sumaren forzas a UCD, os socialistas e PROA fixeron que Lisardo Valeiras se convertese ese día en alcalde, con 13 votos.

Arrincaba así un mandato que duraría ata 1983 e no que se debateron asuntos que, aínda hoxe, cando se fan corenta e dous anos da constitución desa primeira corporación, seguen algúns deles estando de actualidade.

É imposible facer neste breve artigo un resumo do labor daqueles edís da Corporación,  pero é necesario falar do seu rexedor, que pode resumir en si mesmo o carácter daquel equipo.

Lisardo caeu no mundo político por mera casualidade, xa que o de ser número un da lista pola UCD aconteceu unha tarde cando estaba na cafetería Róterdam, e os integrantes daquel comité local pensaron nel ao cruzar a porta e lle propuxeron ser cabeza de lista.

Daqueles anos da política local, non destacan nin as obras nin os proxectos, senón o espírito que reinaba nos plenos e na vida política. Porque aínda que os de Valeiras estaban sos no poder, na comisión permanente, que era a que tomaba a maioría das decisións, estaban representados todos os grupos.

Aquela primeira corporación tivo un baile de concelleiros coa renuncia de seis deles, ben por razóns persoais ou políticas, e a substitución polos seguintes da lista, o que fixo que se chegase a contar con 27 edís ao longo dos seus catro anos de mandato. Hai que salientar aquí a única muller que integraba aquel equipo, Mary Nespereira.

Corenta e dous anos despois desa data, sirvan estes aspectos como extensivos a todos os homes daquel equipo: Eran boas persoas, intelixentes, dialógantes, aínda que no caso do alcalde, algo teimudo, e xa referíndonos a el en concreto,  hai que manifestar que era unha persoa que destacaba como educador, dorneiro entregado, bo amigo, vitalista, con gran sentido do humor, gran defensor da familia e amante da natureza e alcalde da Corporación democrática da Transición.

A todos eles, esta muller e homes, cabe honralos e agradecerlles a súa entrega, dedicación e ilusión.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Valentía política”. José Manuel Pena

“Valentía política”. José Manuel Pena

Salen de sus hogares, todas las semanas, en busca de alimentos, medicamentes, bonos para viajes o alguna que otra ayuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acuden a alguna ong ó entidad social que las ayudan desde hace décadas e incluso, a algunas de...

“La felicidad”. José Antonio Constenla

“La felicidad”. José Antonio Constenla

En este mundo tan dado a poner días, etiquetas y estadísticas a la vida, lafelicidad no podía ser menos y la Red de Soluciones para un DesarrolloSostenible, dependiente de Naciones Unidas, ha establecido una serie decriterios que permiten medir si un país ofrece...