O Concello de Ribeira render tributo no mediodía deste sábado, 3 de decembro, aos membros da primeira Corporación municipal da democracia moderna. A acción, que dá cumprimento a un acordo plenario, comezará ás doce do día na explanada do porto, durante da Antiga axudantia, coa inauguración dunha exposición ao aire libre formada por 15 paneis nos que se recrea a base de textos, fotografías, recortes de prensa e documentos do Arquivo Histórico Municipal aquela etapa, que tivo a Lisardo Valeiras Bravo como alcalde e que incluíu a un total de 27 membros (26 homes e unha muller) en representación de cinco partidos: Coalición Democrática (CD), Unión de Centro Democrático (UCD), Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), Agrupación de Electores Progresistas (PROA) e Bloque Nacional Popular Galego (BNPG).
Acto seguido, a homenaxe continuará no Auditorio Municipal. Alí terá lugar a entrega de insignias e metopas aos homenaxeados, previo exposición dun breve resumo da súa traxectoria por parte do xornalista e historiador ribeirense, Xosé María Fernández Pazos. Pechará o acto o actual alcalde, Manuel Ruiz.
Este último evento é aberto á cidadanía (acceso pola rúa Portugal a partir das doce horas ata completar o aforo dispoñíbel).
Ribeira homenaxe á Primeira Corporación Democrática
Por Xosé María Fernández Pazos
Este sábado asistimos á inauguración na avenida do Malecón da mostra sobre a primeira corporación democrática ribeirense trala ditadura.
Non podía ser mellor o lugar escollido, fronte a onde estivo precisamente a primeira casa consistorial, que ardeu a noite do 10 ao 11 de abril de 1862, perdéndose naquel día toda a documentación existente desde a creación do concello.
Hai que retroceder a 1821 cando o Goberno ordenou crear 32 concellos na comarca que no actual municipio serían os de Ribeira, Palmeira, Carreira e Olveira, se ben non chegaron a exercer actividade administrativa porque non tiveron tempo para poñerse en marcha.
Os concellos da comarca tiveron, iso si, unha vida efémera, desde 1821 a 1823, cando a volta ao poder de Fernando VII fixo que se regresase ao Antigo Réxime.
Anos despois en 1835 decidiuse a fusión de boa parte dos case 654 que se crearan anos antes, pasando os catro mencionados a terse que integrar no da Pobra.
Por sorte para a nosa historia, non se executou a orde, e deixou a Santa Uxía como capital municipal das oito parroquias existentes naqueles anos, entre as que figuraba Ribasieira, que pasaría uns meses despois a integrarse no concello de Porto do Son.
1979
Avanzando na historia situámonos na lexislatura do ano 1979. Anos convulsos na política española con atentados, intentos golpistas e unha ilusionante e incipiente preautonomía.
Dúas convocatorias tiveron lugar ese ano tras a aprobación da Constitución de 1978. A primeira delas foron as xerais do xoves 1 de marzo de 1979, a segunda as municipais do martes 3 de abril, que quince días despois, o xoves 19 de abril, daban lugar á primeira corporación da Transición.
Pero fagamos historia daquel día. Once da mañá. Salón de plenos de Ribeira. A esa hora, tras os emblemáticos comicios do 3 de abril, comézase a recuperar a historia da democracia na capital do Barbanza.
Para constituír a primeira corporación elixida polo pobo, fórmase a mesa cos concelleiros electos de maior e menor idade, que naquela ocasión eran Ventura Rial Biscaia, nacido en 1923 e que presidiría a mesa, e Mariano Vidal Rial, que nacera en 1950.
Hai que salientar que as eleccións municipais non deixaran un panorama fácil no concello. Así, a dereita, daquela baixo as siglas de Coalición Democrática e capitaneada por Ricardo Pérez Queiruga, fora a lista máis votada e conseguiu seis edís. Só uns escrutinios por detrás quedou a candidatura do centro, da UCD, que tamén conseguiu media ducia de asentos na corporación.
O partido de Adolfo Suárez estaba encabezado entón en Ribeira por Lisardo Valeiras Bravo; con 4 escanos quedou o PSOE de Francisco Crusat López; con 3 a Agrupación de Electores Progresista de Ribeira (PROA) que lideraba Santiago Méndez Vites, e con 2 situouse a lista do Bloque Nacional-Popular Galego, do malogrado Mariano Vidal Rial.
Con estes resultados o panorama no pleno para elixir o alcalde non estaba nada definido. De pouco serviu que CD votase o seu cabeza de lista e que os nacionalistas apostasen polo seu líder. Así, ao sumaren forzas a UCD, os socialistas e PROA fixeron que Lisardo Valeiras se convertese ese día en alcalde, con 13 votos.
Arrincaba así un mandato que duraría ata 1983 e no que se debateron asuntos que, aínda hoxe, cando se fan corenta e dous anos da constitución desa primeira corporación, seguen algúns deles estando de actualidade.
É imposible facer neste breve artigo un resumo do labor daqueles edís da Corporación, pero é necesario falar do seu rexedor, que pode resumir en si mesmo o carácter daquel equipo.
Lisardo caeu no mundo político por mera casualidade, xa que o de ser número un da lista pola UCD aconteceu unha tarde cando estaba na cafetería Róterdam, e os integrantes daquel comité local pensaron nel ao cruzar a porta e lle propuxeron ser cabeza de lista.
Daqueles anos da política local, non destacan nin as obras nin os proxectos, senón o espírito que reinaba nos plenos e na vida política. Porque aínda que os de Valeiras estaban sos no poder, na comisión permanente, que era a que tomaba a maioría das decisións, estaban representados todos os grupos.
Aquela primeira corporación tivo un baile de concelleiros coa renuncia de seis deles, ben por razóns persoais ou políticas, e a substitución polos seguintes da lista, o que fixo que se chegase a contar con 27 edís ao longo dos seus catro anos de mandato. Hai que salientar aquí a única muller que integraba aquel equipo, Mary Nespereira.
Corenta e dous anos despois desa data, sirvan estes aspectos como extensivos a todos os homes daquel equipo: Eran boas persoas, intelixentes, dialógantes, aínda que no caso do alcalde, algo teimudo, e xa referíndonos a el en concreto, hai que manifestar que era unha persoa que destacaba como educador, dorneiro entregado, bo amigo, vitalista, con gran sentido do humor, gran defensor da familia e amante da natureza e alcalde da Corporación democrática da Transición.
A todos eles, esta muller e homes, cabe honralos e agradecerlles a súa entrega, dedicación e ilusión.