Máis de 3.000 persoas manifestáronse en 9 localidades galegas contra o espolio eólico

12 Decembro 2022

Antón Luaces.- Segundo a coordinadora Eólicas Así Non, máis de 3.000 persoas participaron este domingo nas 19 mobilizacións realizadas en distintas localidades galegas pola mesma coordinadora, con motivo da celebración do Día Mundial das Montañas e para reivindicar diante das administracións públicas a preservación destes ecosistemas fundamentais para a vida fronte ao actual “espolio eólico” , baixo o lema Na defensa das montañas. Eólicos Así Non. Temos alternativa.

Os congregados alertaron un ano máis  da situación na que ficarían as montañas galegas, principais vítimas da “invasión eólica”, de saíren adiante os máis de 300 proxectos eólicos que se atopan actualmente en tramitación en terra e mar, e que se sumarían aos preto de 190 parques eólicos autorizados ou en funcionamento.

Coidan os convocantes que deste xeito estaría a pórse en risco o equilibrio ecolóxico do territorio galego, así como o fornecemento dos servizos ecosistémicos e comúns que proceden dos ecosistemas montañosos.

As montañas abastecen á sociedade galega do 80% dos seus recursos hídricos, acubillan os hábitats e as especies de maior valor para a preservación da biodiversidade e para facer fronte ao cambio climático, controlar a erosión do solo, regular o clima, gardar o patrimonio cultural e outorgan paisaxe e alimento, entre outros servizos básicos para a vida. Son tamén as montañas lugar de vida de moitos galegos que desempeñan nelas a súa actividade, incompatible na maioría dos casos coa implantación  de megaproxectos eólicos, condenando a estas poboacións rurais a un novo éxodo cara ás vilas e cidades.

As mobilizacións insistiron en reclamar á Xunta e ao Estado un modelo enerxético alternativo e diametralmente oposto ao que se está a impor por parte do oligopolio eléctrico en connivencia -afirman os convocantes da mobilización- coas administracións públicas, que seguen perpetuando o papel de Galicia “como territorio de sacrificio no Estado e Europa, a prol das grandes metrópoles hiperdemandantes de enerxía  a costa de espoliar os nosos recursos e destruír o noso medio natural continental e mariño para sempre”.

Este modelo non resposta ás necesidades do interese xeral, senón do interese lucrativo e especulador das grandes multinacionais da enerxía -denuncian- invadindo o espazo vital co único obxectivo de espoliar e mandar para fóra a enerxía eléctrica.

En todas as concentración leuse o manifesto Na defensa das montañas. Eólica Así Non. Temos alternativa, ao tempo que se proclamaban lemas contrarios á especulación, o espolio do patrimonio e a prol das montañas e as aldeas habitadas.

Outros artigos

“Alternativa habitacional” – José Manuel Pena

A lexislación establece que en caso de desaloxos dos seus fogares de persoas ou familias vulnerábeis a Administración ten que garantir unha alternativa habitacional. En Galicia, é competencia da propia Xunta de Galicia e en ocasións non se lles garante porque non hai...

+

Sábado 28, nubes altas e sol con temperatura

O sábado teremos néboas a primeiras horas en comarcas do interior que irán disipándose quedando os ceos moi abertos en xeral, con nubosidade de tipo alto que non impedirá o paso do sol. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas terán...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión