“Gustaríame saber rezar”. Olegario Sampedro

23 Decembro 2022

Ocorreu un venres mentres agardaba a quenda de pago nun supermercado de Lavapiés.
Media ducia de ovos, unha rede de patacas, un polo cunha delatora etiqueta do 50 por cento de desconto, tres cartóns de leite, unha barra de pan e unha pequena bolsa de laranxas. Esa era a exigua compra que portaba un matrimonio octoxenario. Mentres a caixeira, ausente e absorta, pelexaba coa maquina rexistradora, eles botaban números. «Non nos chega, temos que deixar as laranxas» dicía el, «pero non te preocupes» comentou animoso, «o mércores xa cobramos e volvemos para comprar as laranxas… e tomates… e chocolate!». Agarimosamente, acariñoulle a cara cun aceno triste aínda que empedrado con tal dose de tenrura que me conmoveu. Resignada, ela separou os cítricos. Pagaron e, collidos da man, con paso lento e arrecendo a derrota, marcharon. Eran días de calor, pero quedei
aprisionado pola sátrapa friaxe que regala o desacougo.
As azoutas son coma as cereixas: adoitan vir a pares. Recibín a segunda, moito máis intensa, cando abandonaba a tenda.
Na porta volvín divisar a parella de anciáns. Inclinados, estaban depositando un dos seus cartóns de leite xunto as posesións onde mendigaba un inmigrante de cor, ausente nese mesmo momento.
Quedei petrificado. O sangue comezou a percorrer o meu cerebro a tal velocidade que non me deixaba marxe nin para pensar; unha vaga de congoxa amagou en náusea e o acre sabor da bile infestou a mina gorxa. Finalmente, os tendóns das mans que termaban das pesadas bolsas cargadas coa compra e coa culpa, cederon.
Sen a máis feble opción á dubida, aquela foi unha das máis poderosas e determinantes leccións da miña vida, un enérxico e merecido sopramocos á miña condición de novo, insolidario e arribista inquilino do barrio alto da aldea global.
O Nadal é un marabilloso escenario para a alegría, a celebración e a reunión.
Desbordamos un exultante buenrollismo inaudito noutros meses do ano. Intercambiamos billetes de lotaría, brindamos a todas as horas, mercamos caixas de gambóns coma se non houbese un mañá e felicitamos as Pascuas ata aos sinais de tráfico. Mesmo cremos firmemente que cubrimos a nosa cota de solidariedade depositando unha tableta de turrón no carro de Cáritas ou doando 10 euros nun telemaratón.
Facendo un honesto auto de fe, a maioría de nós debéramos recoñecer que engrosamos ese colosal exército de indolentes que, sen asomo de pudor, tiramos un terzo da nosa comida ao balde do lixo. Convertémonos nuns contumaces compradores de produtos que alcanzan a categoría de innecesarios cando aínda non lles retiramos a embalaxe, e estamos tan febrilmente ocupados co noso transcendental individualismo, que non somos quen de acordarnos de atopar un hiato no noso tempo para colaborar desinteresadamente nun proxecto solidario, agás se hai tronada… e só de Santa Bárbara.
En España, 12,5 millóns de persoas están en risco de pobreza; é dicir, case o 25 % da xente que vive ao redor está en franco perigo de exclusión social. Un 9,5 % vive debaixo do limiar da miseria severa. Mais de 3 millóns de homes e mulleres non poden quentar a casa ou comer carne. Preto do 10 % dos habitantes deste país non chega a fin de mes, e só un 18,6 % dos merecedores do Ingreso Mínimo Vital o están cobrando… Son cifras que, de seguro, nos turban, entristecen e arrepían, pero non hai que terlles medo xa que as desacordaremos decontado… Non coma os tentadores prezos das ofertas.
O Nadal é un croma tan fermoso e tan idóneo para expor en Instagram que resultaría unha herexía estragalo coa realidade que non queremos ver.
Non volvín coincidir con aqueles anciáns. Non os esquezo. Gustaríame saber rezar

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...