A segunda fin de semana de decembro vai ser unha finde solidaria en Boiro. Amais da actividade de recollida de produtos de hixiene do CD Boiro e As Krusadas, a Fundación Andrea e o Banco Mediolanum van convocar á cidadanía no Pavillón de Cachada para recadar fondos. Será unha xornada de xogos solidarios.

Celebrarase este domingo a partir das 17.00 horas. Haberá inchábeis para nenos, fotomatón, DJ ou sorteos, entre outras actividades para persoas de todas as idades. O prezo de entrada é de 2,5 euros.
Haberá chocolate para os pais e nenos, o Papa Noel, taller de globoflexia, talleres para pintar e maquillaxe, e sorteo de monopatín, bonecas, vales que achega a asociación de empresarios, incluso unha bicicleta para os nenos.

O obxectivo desta xornada é ofrecer unha alternativa lúdica para os nenos e as nenas durante o Nadal e xuntar recursos para a Fundación Andrea. Todo o recadado entre 2.000 e 5.000 euros será duplicado por Mediolanum co obxectivo de facer unha gran contribución en beneficio da Fundación Andrea.
A Fundación Andrea ten como finalidade básica a atención e o apoio económico, moral, informativo e de calquera outra natureza ás familias non fillos con doenzas de longa duración, crónicas ou terminais. Algúns dos programas que leva a cabo a fundación son o financiamento de aloxamento, tratamentos médicos ou de outras necesidades básicas, medios formativos e informativos, etc.



