
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, xunto co concelleiro de Urbanismo e Obras, Luís Ruiz; e a concelleira de Cultura, María Outeiral, visitaron este mércores 14 de outubro a Casa da Cultura de Boiro para coñecer o estado de execución das obras de rehabilitación. Durante a visita estiveron acompañados do o arquitecto municipal, Emilio Piña; e representantes da empresa adxudicataria. Segundo informaron, estanse a rematar xa os traballos de montaxe da estrutura prefabricada para proceder co remate das instalacións xa executadas da biblioteca e oficinas, acabados do chan, paredes e teitos acústicos; acabados exteriores de illamento térmico e fachada; colocación de butacas, ascensores e portas automáticas e remates finais de mobiliario.
Engadiron que a nova estrutura vai renovar por completo o edificio actual, construído en 1988, dotándoo de accesibilidade universal e cunha envolvente que garanta a eficiencia enerxética do mesmo.
O novo inmóbel, explicaron, “vai ampliar o existente, pasando de 1.792 metros cadrados a 2.927 para adaptarse ás novas necesidades e servizos, no que van convivir a área administrativa, a biblioteca e o auditorio”.
En canto ao auditorio, que será en palabras do Concello “o gran protagonista desta reforma”, ampliará a súa capacidade ata un total de 535 espectadores, unha ampliación do 46% respecto da súa capacidade actual; permitindo o uso flexíbel cunha ocupación do 50%, 70% ou do 100%.
O espazo do auditorio completarase con camerinos, espazo de almacén, unha sala polivalente para formación, un vestíbulo principal para a realización de actos e a renovación integral dos aseos.
O equipo de Goberno apuntou tamén que a biblioteca “estará tamén adaptada ás novas necesidades e requirimentos actuais con catro zonas diferenciadas” e “contará con espazo para arquivo e depósito de libros; unha aula de estudo con 32 postos; espazo informático con 8 postos; e un espazo específico para ludoteca e actividades infantís”.
A actuación completarase cunha área administrativa formada por unha zona de traballo para atención ao público, despachos, unha sala de reunión polivalente, almacén e arquivo.
A totalidade do edificio contará con accesibilidade plena e universal dende a avenida da Constitución, para o que se vai crear un percorrido con zonas de sombra e descanso a modo de gran vestíbulo exterior con pendentes inferiores ao 70% que permita conectar o inmóbel coa rúa,
ademais de garantir a accesibilidade interior de todo o edificio.
Ademais, a construción pasará dunha cualificación enerxética E a unha A, ao contar cun deseño para que o balance de emisións e consumo sexa cero mediante a mellora do illamento térmico, mellora da iluminación cun sistema de moi baixo consumo, sistemas de calidade de aire interior con renovación e sistemas de xeración de enerxía fotovoltaica.
As obras, adxudicadas por 3,6 millóns de euros contan co financiamento do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana mediante o Programa de Impulso á rehabilitación dos Edificios Públicos (PIREP) Local.



