O BNG de Ribeira emitiu un comunicado no que se laia, indican, “da negativa do alcalde, Manuel Ruiz, a negociar os Orzamentos”. Isto, engade a agrupación, vai condenar ao concello a “non ter unhas contas actualizadas coas que responder ás demandas sociais e afrontar a crise económica”.
Segundo a formación nacionalista, o Goberno local presentou os Orzamentos de 2022 como “un documento pechado e negándose a negociar nin un céntimo”. Ademais, critican que “a pesar da propaganda as contas nin eran históricas, nin respondían ás demandas sociais da veciñanza”. Engaden que “as contas son o reflexo dun goberno esgotado e sen ambición, empeñado en dilapidar cartos en grandes obras que acaban multiplicando o seu prezo no canto de atender as demandas veciñais”.

O concelleiro do BNG Luís Pérez Barral cargou contra feitos concretos como que se duplicase o gasto do novo auditorio (pasando de 2,5 a 4,4 millóns de euros), ou que o centro social de Carreira leve desde 2012 en obras, que o centro social de Corrubedo siga sen rematar a súa reforma integral desde 2018, que a reforma do Parque Pedra Pateira está agarando desde o ano 2017 e que “a tan necesaria estación de autobuses foi prometida no ano 2014 e aínda non estea rematada”.
Por outra banda, criticaron o que consideran a paralización doutros proxectos importantes, como “o caso da sede do Club de Remo, a nova biblioteca ou o rescate do aparcadoiro do Centenario para que pase a ser público”.
No tocante ao emprego, Pérez Barral engadiu que “hai 1.230 desempregados e que nos 32 anos de goberno popular aínda non temos chan industrial onde asentar empresas mentres os anuncios de empresas que deciden ampliar fóra de Ribeira se suceden e xa prevén crear 400 empregos lonxe do municipio”.
O BNG tamén fixo saber que “os Orzamentos pretendían subir os impostos e taxas á veciñanza pois prevían recadar 4,7 millóns de euros por auga, lixo, saneamento e sumidoiros, mentres que ás grandes eléctricas e telefónicas tan só lles cobrarían 280.000 euros por todo o espazo público que utilizan”. E engadiu: “Estas grandes empresas deben tributar máis porque están gañando con esta crise de prezos pero vostedes condenan á veciñanza a pagar polas malas decisións adoptadas polo Partido Popular cando, por exemplo, escolleu este caro e ineficiente modelo de saneamento maneira unilateral”.
A agrupación tamén criticou ao rexedor por “levantar a sesión plenaria sen rematar os puntos da orde do día cando se ía aprobar a nova Relación de Postos de Traballo que ía mellorar as condicións laborais dos empregados municipais”.