O alcalde ribeirense levará un suplemento de crédito ao próximo pleno para “parchear” parte das eivas provocadas pola non aprobación de orzamentos o rexedor negocia poder alcanzar un acordo que permita cambiar ese suplemento por volver a levar a pleno os orzamentos rexeitados pola oposición

O alcalde ofreceu unha rolda de prensa este mediodía coa fin de dar a coñecer á veciñanza as consecuencias que pode entrañar o feito de non ter aprobado os orzamentos de 2022 no pleno extraordinario do pasado luns co voto en contra de PBBI, BNG e SumaRibeira e a abstención do PSdG-PSOE, e explicou as posibles vías para parchear estas eivas ou, incluso, remedialas.
En primeiro lugar, Ruiz Rivas recoñeceu o seu erro ao pensar que os grupos da oposición ían entrar no fondo das proposicións recollidas confiando en que eran beneficiosas para Ribeira e reflectían ademais con exactitude a situación contable das arcas municipais a data de novembro. “O meu erro foi pensar que, lonxe das formas que se me achacaron, os grupos ían entrar a valorar se o que se propoñía era beneficioso ou non para Ribeira —declarou— e , ao quedarse nas formas [aínda que matizou que o diálogo “sempre vai en dobre sentido” e que a forma de falar que tivo o resto dos grupos con el foi querer reprobalo dúas veces], tomaron unha actitude que prexudica gravísimamente os intereses de Ribeira e dos ribeirenses”.
Neste senso, subliñou que o feito de ter uns orzamentos prorrogados e condicionados nas súas partidas por corresponderse cun ano de pandemia, significa que hai áreas como atención domiciliaria, deportes, cultura ou informática que parten xa cunha débeda que vai resultar patente no ano en curso; ao que hai que sumar a inflación do 11% no 2022, que afecta a custes como o do prezo da enerxía.
O alcalde de Ribeira lembrou ademais que os presupostos rexeitados contiñan dous importantes acordos que precisaban de respaldo orzamentario, como son a subida do 1,5% no salario dos empregados públicos por decisión do Consello de Ministros e, por outra parte, o acordo alcanzado por este Concello cos seus traballadores en relación á RPT, o convenio colectivo e a carreira profesional, puntos que tiveron que ser retirados da orde do día do pleno do luns ao non poder consignar os cartos que ían destinados a tal fin.
Outras consecuencias da non aprobación, explicou, foi deixar sen axuda ao Club de Remo para a adquisición dunha traíña, non poder dar cumprimentos a dous acordos plenarios como son a creación dun monumento aos represaliados e o estudo comparativo da estrada de Frións co primeiro tramo da variante, e impedir aumentar o gasto social en 125.000 euros.
Visto este escenario, Manuel Ruiz dixo querer quedarse coas últimas palabras do BNG no pleno nas que se aviña a negociar, algo que xa se está realizando estes últimos días. O rexedor anunciou a súa intención de levar ao próximo pleno ordinario do 28 de novembro un suplemento de crédito de 971.000 euros (cantidade que se corresponde cos fondos comprometidos polo Estado) para atallar as necesidades de persoal, atención domiciliaria, comedor escolar e o pago do combustible e electricidade en determinados servizos.
Non obstante, o alcalde definiu esta proposta como un “parche que soluciona algunha vía de auga e ademais é temporal”, pois non poderá impedir que varios servizos municipais se vexan afectados no seu funcionamento e aboca á próxima Corporación a ter que utilizar o remanente para pagar unhas débedas ás que se sumarán as que se xeren no ano que vén (por outra parte, o Concello tería que empregar parte do POS a gasto corrente por primeira vez na súa historia).
Por iso, o primeiro edil do Concello manifestou que aínda se está a tempo de poder alcanzar un acordo que permita substituír ese “parche” pola aprobación dos orzamentos, habendo como data límite o martes 29 de novembro para poder tratalos en pleno.
Sobre algúns incumprimentos que esgrimiu o PSOE para explicar a súa abstención, o alcalde anunciou novidades en varias delas como as beirarrúas solicitadas na rúa Fernández Bermúdez, arranxos no periurbano, a biblioteca ou o campo de fútbol de Aguiño, polo que “o PSOE ten a oportunidade de cambiar o seu voto por un favorable.


