O BNG volve ofrecer a súa colaboración ao Concello de Ribeira para reforzar a Policía Local

O BNG de Ribeira vén de emitir un novo comunicado relacionado coa eivas do concello en materia de presenza policial. Nel, reitera o seu ofrecemento a colaborar co Concello para incrementar o equipo de axentes da Policía Local, por estar Ribeira, recordan, por debaixo do número que lle corresponde.

Segundo fan saber, “nos últimos días téñense producido roubos en locais hostaleiros de Ribeira así como diversos actos vandálicos que teñen producido danos no mobiliario público de rúas e parques. Esta situación está xerando un clima de inseguridade e de intranquilidade á veciñanza e particularmente ás persoas que son propietarias dalgún negocio”, explican, engadindo que “ante esta situación volvemos tenderlle a man ao Executivo local para reforzar o número de axentes da Policía Local adoptando medidas que contribúan a aumentar a seguranza cidadá”.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, recordou que “o Goberno ribeirense mantén a Policía Local moi por baixo dos efectivos necesarios pois, mentres as directivas da Unión Europea recomendan contar cun número de 1,8 axentes por cada 1.000 habitantes, Ribeira atópase lonxe dos 49 que recomendan”. E engade: “A falta de policía preocupa entre a poboación porque aumenta o clima de inseguridade, prodúcense máis actos vandálicos ou hai máis ruído nocturno nas noites de festa por poñer algúns exemplos, pero tamén implica problemas para a propia Policía Local, cuxos axentes teñen que asumir todo tipo de tarefas con menos persoal do necesario” asegurou Barral.

Desde o BNG din descoñecer “os motivos que levan ao Goberno local a rexeitar sistematicamente todas as propostas que realizan para tratar de solucionar estes problemas”. Tamén informan de que PP e PSOE vetaron a proposta dos nacionalistas para incluír nos Orzamentos de 2021 os fondos necesarios para incrementar nunha decena o número de axentes ou “como todas as iniciativas rexistradas polo Bloque sobre os problemas que existen polo exceso de ruído nocturno nas fins de semana, actos vandálicos, roubos, falta de seguridade cidadá, etc. son ignoradas polo Goberno local e nin tan sequera se responden”.

E conclúe o comunicado: “Vemos que o Goberno local está de brazos cruzados ante a vaga de roubos que hai neste momento pero tamén o estivo cos problemas de inseguridade que padeceu o barrio de Bandourrío ou co vandalismo que se rexistra por todo o municipio, por iso desde o BNG volvemos tender a man para aprobar medidas que permitan aumentar o número de axentes da Policía Local que contribúan a gañar seguridade e tranquilidade” aseverou Pérez Barral, solicitando tamén unha maior coordinación entre corpos policiais e unha reunión urxente con presenza dos portavoces dos grupos da Corporación municipal, a Policía Local, a Policía Nacional e os representantes do comercio e da hostalaría para tratar todos estes problemas e achegar solucións.