O PBBI pide solucionar os problemas de mobilidade no viario de Os Paramos e Ameixida

O Grupo Municipal Partido Barbanza Indepediente (PBBI), a través do concelleiro e portavoz da agrupación Vicente Mariño de Bricio, presentou ao pleno da Corporación unha moción relativa á rede viaria dos Paramos e Ameixida, entre Ribeira e Castiñeiras.

Segundo fai saber o grupo no detalle da moción, os propietarios das leiras situadas a ambas as marxes do camiño que parte desde a rúa Martín-Paramos (DP-7308) e conecta con rúa do Rabelo na Ameixida de Arriba emitiron queixas sobre o estado en que se atopa a entrada á esta rúa, onde, segundo reflicte o PBBI, “é necesario facer infinitas manobras para lograr acceder a este viario”. O grupo sinala que a veciñanza se considera “abandonada” por parte do Goberno municipal, “pois en diferentes ocasións lle mostraron as dificultades que teñen que afrontar para percorrer este viario”, un problema que se agrava cando o percorrido teñen que facelo vehículos medicalizados, camións de bombeiros e calquera camión pesado.

O viario en cuestión, engade o PBBI, conta con dúas entradas “pero a efectos prácticos non conta con ninguna”. A primeira é a entrada da DP-7308, é un entrada tipo carril bici con fochas ao longo do viario, de difícil acceso para vehículos particulares e de extremada dificultade para vehículos pesados. A segunda entrada é a da rúa do Rabelo, é unha rúa limitada a peóns, xa que os vehículos ven limitado o seu paso debido á estreiteza e curva pronunciada que hai xusto na entrada. “Ademais, critica o PBBI, “é unha rúa sen asfaltar e difícil de transitar pola cantidade de pedra, lama, fochas e maleza que hai ao seu paso”.
O PBBI convida a chegar a un acordo cos propietarios da leira que obstaculiza o paso de vehículos na rúa do Rabelo, cedendo uns metros de terreo para ampliar o citado viario.

Fochancas no camiño

Estes son, punto por punto, os acordos solicitados.

1 – Instar o Concello de Ribeira a realizar un proxecto de reestruturación da entrada ao camiño DP-7308 para acabar cos problemas de acceso de residentes e vehículos de emerxencias.

2.- Instar o Concello de Ribeira a pavimentar con asfalto ou algún material resistente as fochas que hai ao longo da esta estrada, ademais de seguir coa pavimentación na segunda parte do viario que conecta coa rúa do Rabelo.

3- Instar o Concello de Ribeira a establecer conversacións cos propietarios das leiras que dificultan a entrada de vehículos en rúa do Rabelo, coa pretensión de que se ceda terreo para solucionar o problema dos veciños de Ameixida.