Segunda xornada da Fase Final da Regata da Muller, proba que organiza a Real Federación Galega de Vela e na que o equipo balear -defensor do título da pasada edición- continúa liderando unha apretadísima xeral na que galegas e canarias manteñen as súas opcións abertas.
Non se equivocaron os partes nesta segunda xornada de competición. Tal e como se esperaba, Eolo repetiu na ría de Arousa cunha intensidade de ao redor dos sete nós do suroeste e a frota puido arrincar o programa de forma puntual. A medida que avanzaba a tarde, con todo, as condicións complicaron as cousas ao Comité, que tivo mesmo que anular una das probas ata en dúas ocasións pola inestabilidade do vento.
Finalmente, a xornada resolveuse con outras catro probas máis completadas que permiten á frota acumular oito parciais nas súas marcadoras a falta dun só día para que finalice a regata.
Se o venres foron as baleares as que dominaron o inicio da competición, nesta ocasión as galegas apertaron ao máximo e lograron selar a súa mellor xornada con dous primeiros, un segundo e un terceiro na súa marcadora. Con estes resultados, o equipo de Stella Enríquez recorta puntos na xeral, e aínda que continúa na terceira posición logra empatar coas canarias, que son de novo segundas con tres cuartos e un primeiro.
Por diante das galegas e do equipo canario que patronea Patricia María Medina, o liderado continúa en mans da Federación Balear. As de María Perelló resistiron este sábado á presión dos seus rivais e asinaron uns parciais 3-2-2-1, resultados cos que conseguen defender o primeiro chanzo do podio provisional con catro puntos de vantaxe.
Así, con tres equipos separados por só catro puntos, todo dependerá do que suceda o domingo.
O domingo, xornada final
Coas dúas primeiras xornadas de competición finiquitadas, a frota xa se prepara para afrontar o domingo as catro últimas probas encargadas de definir o podio da Regata da Muller 2022. Un podio que, sen dúbida, non podía estar máis apertado.
Se se cumpren as previsións, a regata comezará ás 12:00 horas e será ás 17:30 horas cando se poña o broche final coa entrega de trofeos no Centro Galego de Vela de Vilagarcía.
Manuel Villaverde, presidente da RFGV, será o encargado de presidir unha cerimonia de clausura na que tamén estarán Ana Laura Iglesias, Deputada Provincial; Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade; Tania García, tenente de alcalde de Vilagarcía; Matilde Laya, concelleira; Juan Andrés Pérez, Capitán Marítimo; e Pedro Cardona, Comandante Director da Escola Naval de Marín.
