O Parque Nacional das Illas Atlánticas fará seguimento dos cabalos de Sálvora a través de GPS

O Goberno galego, a través da dirección do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, puxo en marcha un programa de seguimento pioneiro da poboación de cabalos presentes na illa de Sálvora, monitoraxe que se levará a cabo a través das novas ferramentas de localización: emisores GPS que rexistran e envían a posición xeográfica exacta (con actualizacións cada dez minutos) dunha decena de exemplares.

Presenza na illa dende antigo

O Goberno galego lembra que a presenza de cabalos en Sálvora remóntase a séculos atrás e salienta que a súa presenza ten contribuído a través da súa propia actividade herbívora a manter os hábitats insulares no seu bo estado actual. Os cabalos consumen en pequenas cantidades da vexetación presente na illa, mantendo así un hábitat no que se combinan zonas con maior cobertura e abundancia de matogueira con outras máis abertas e nas que abundan as especies herbáceas, “unha diversidade moi valiosa”, explican dende a dirección do Parque.

Vantaxes do GPS

O obxectivo é tirar o máximo proveito dos datos de localización obtidos. “O seguimento por GPS dos exemplares por toda a illa resulta moi útil, xa que permite regular o manexo e a densidade dos cabalos para conseguir os mellores resultados posíbeis”, explican dende o Goberno galego, engadindo que “coñecer de continuo onde se atopan axuda a medir a súa incidencia sobre a vexetación nun punto concreto e a localizalos, en caso de que se necesite realizar operacións de manexo”.

Medidas para manter o equilibrio

Coa finalidade de manter e mellorar o equilibrio entre os ecosistemas de Sálvora e a presencia de cabalos na illa, desde a declaración do arquipélago como Parque Nacional, no ano 2002, véñense adoptando toda unha serie de medidas.

En primeiro lugar, substituíronse os cabalos existentes por unha manda de cabalos de pura raza galega cun dobre obxectivo: por un lado, contribuír ao mantemento e preservación desta raza de gran interese para o patrimonio xenético autóctono de Galicia; e por outro, introducíronse animais moi ben adaptados á vida en liberdade no medio natural galego e, particularmente, nun lugar como este, onde se poden alimentar e vivir sen causar un impacto perxudicial sobre a vexetación.

Para asegurar o éxito desta operación, a dirección do Parque Nacional encárgase do mantemento destes cabalos a través dun coidadoso plan de manexo que permite garantir a longo prazo o seu bo estado nutricional e sanitario e, ao mesmo tempo, unha mellor conservación da vexetación autóctona.