JEALSA amplía a súa certificación MSC para todo o seu atún de aleta amarela no Atlántico

A empresa boirense JEALSA, compañía referencial na fabricación e distribución de conservas de peixe e mariscos e membro da AGAC, conseguiu ampliar a súa certificación de Pesca Sustentábel de Marine Stewardship Council (MSC) para todo o atún rabil ou de aleta amarela (Thunnus albacares) capturado no Océano Atlántico.

A Asociación de Grandes Atuneiros Conxeladores (AGAC), anunciou que “tras un longo proceso” obtivo a certificación MSC para seis dos 12 stocks de túnidos tropicais analizados, conseguindo a acreditación para o atún rabil ou de aleta amarela (Thunnus albacares) no Pacífico Oriental, Occidental e no Atlántico; para o atún listado (Katsuwonus pelamis) no Pacífico Occidental e no Índico; e para o atún patudo (Thunnus obesus) tamén no Pacífico Occidental.

“Con esta ampliación”, sinalou a empresa de Boiro, “alcanzamos un novo fito en pesca sustentábel, conseguindo que todos os nosos atúns de aleta amarela sexan certificados co selo azul de MSC”. JEALSA tamén explica que as especies certificadas son aquelas que demostraron a sustentabilidade da pesqueira unha vez superada a auditoría respecto ao Estándar de Pesqueiras de MSC. Este estándar está amplamente recoñecido como o proceso de avaliación da sustentabilidade da pesca extractiva máis rigoroso e acreditado do mundo e baséase en tres principios fundamentais: poboacións saudábeis de peixes, redución do impacto sobre o medio ambiente mariño no seu conxunto e un sistema eficaz de xestión pesqueira.

“Esta nova certificación supón un gran logro para a sustentabilidade do atún. Actualmente o volume de capturas de AGAC certificadas con MSC para estas 6 especies de atúns tropicais é de ao redor de 180.000 toneladas, un 50% das capturas totais desta frota”, afirma Laura Rodríguez, directora de MSC para España e Portugal.

“Queremos felicitar a toda a frota da asociación e a JEALSA, xa que con este esforzo conseguiron a certificación MSC para todo o atún atlántico de aleta amarela para as capturas de cerco, tanto a banco libre como sobre DCPs ou FADs”, engadiu.