O Concello de Ribeira vén de iniciar unha agardada actuación que mellorará as comunicacións entre a beira do mar e os barrios da contorna alta da cidade. En concreto, comezaron os traballos para renovar o pavimento do camiño que une Martín con Fontán, unha vía que rexistrou un significativo aumento no tránsito de vehículos a raíz da apertura no entorno da nova Comisaría da Policía Nacional e, tamén, a raíz das obras de remodelación da rúa Romero Ortiz (que motivaron que a xente de Martín, do Queiro, do Monumento e do entorno da rúa Valle Inclán buscasen alternativas para chegar dende o centro ás súas residencias).

As obras, que principiaron este luns 29 de agosto coa limpeza da zona de actuación, van ser executadas pola empresa Canarga e comportan un investimento de 19.060 euros, IVE incluído.
A intervención comprende a extensión dunha mestura de bituminosa en quente por unha superficie de 881 metros cadrados, incluíndo o camiño en cuestión e outro ramal anexo.