Comezaron os traballos para recuperar o río Pedrín e crear unha senda turístico-fluvial

09 Agosto 2022

O Concello de Ribeira informou do inicio das obras para recuperar medio-ambientalmente o río Pedrín, na contorna do Parque Periurbano, que se vai poñer en valor cunha senda turístico-fluvial. Esta actuación enmárcase na EDUSI Máis Ribeira Atlántica, que está co-financiada polo fondo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Execútase na liña de actuación 14 da EDUSI Máis Ribeira Atlántica denominada Posta en valor do patrimonio cultural, natural e turístico.

A actuación está sendo desenvolvida pola empresa Zona de Obra O Rosal S.L., que iniciou os traballos de roza na marxe inferior do regato. A execución da actuación suporá un investimento de 94.426,52 euros e o prazo son seis meses. A idea é devolver o esplendor ao devandito arroio, de importancia estratéxica por estar situado preto do centro urbano de Ribeira e no principal pulmón verde da cidade, o Parque Periurbano. O seu percorrido comeza no Monte Castro e descorre cara ao Parque Periurbano de San Roque, no que se sitúa un antigo lavadoiro que é, actualmente, un refuxio para varias especies de anfibios. Desde ese lugar o curso de auga descende até o centro urbano, por onde vai xa canalizado e soterrado.

O Concello de Ribeira, a través do proxecto Máis Ribeira Atlántica 2020 pretende recuperar a riqueza natural e cultural da conca alta do arroio a través dun proxecto que inclúe non só a recuperación propia do curso fluvial (limpeza do leito e da ribeira), senón tamén a proxección dun percorrido a través da servidume de tránsito do regato.

O obxectivo principal desta actuación será a recuperación da riqueza ambiental da contorna e do propio leito do arroio Pedrín. Para iso vanse efectuar unha serie de actuacións:

• Roza de vexetación accesoria, retirada de vexetación morta (incluídas, de ser caso, as árbores caídas), e eliminación de vexetación exótica e/ou invasora, na zona de dominio público hidráulico e de servidume do arroio Pedrín.

• Detección de puntos de contaminación que poidan afectar o arroio e, de ser caso, medidas para a súa corrección.

• Restauración da vexetación de ribeira autóctona en todo o tramo do río obxecto do proxecto.

• Análise do réxime hidráulico e hidrolóxico do río Pedrín e das zonas inundables.

Para contribuír á posta en valor do arroio , da súa riqueza natural e cultural, o proxecto inclúe os movementos de terra (desmontes e terrapléns), a súa nivelación e compactado e a colocación ao tresbolillo de tocos de madeira cada 9 m para marcar o itinerario, na marxe esquerda do arroio Pedrín. Será un itinerario turístico fluvial que ten en conta a disposición topográfica do terreo en cada parte do curso do río “coa finalidade de adaptar as características da senda aos seus atributos naturais”, informou o Concello.

Dous ramais

O itinerario descorre ao longo do río cunha lonxitude de 685 metros. Complétase a senda, cun acceso cara o núcleo de Frións (acceso sur) a través dunha parcela de titularidade municipal, localizada na paraxe de Granxa, cuxo ramal terá unha lonxitude de aproximadamente 200 metros e con outro ramal (acceso norte), duns 135 metros, que conecte coa parte baixa do Parque Periurbano de San Roque.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...