A adxudicación en Ribeira dos servizos de reparación e mantemento en espazos públicos é xa definitiva

O Concello de Ribeira adxudicou a contratación dos servizos de reparación, mantemento, acondicionamento e melloras de vías e espazos de uso público situados no termo municipal de Ribeira, destinando unha cantidade de 399.999,99 euros durante un período de dous anos. A empresa Civis Global, S.L., resultou a entidade gañadora da adxudicación, que agora se eleva a definitiva logo de presentar ante o Concello a documentación requirida.

Obras recentes no barrio de Bandourrío, en Ribeira

Dende o Consistorio lembran que a finalidade perseguida con esta iniciativa é “manter en óptimo estado os espazos públicos municipais, proporcionando unha maior seguridade no uso, así como prolongar a vida útil das zonas sobre as que se actúa”. Dentro dos traballos incluídos figuran os seguintes:

• Servizos de Mantemento e Reparacións: conxunto de traballos de conservación preventiva e correctiva necesarios para manter as vías e espazos públicos aptos para a súa utilización, en condicións de seguridade e comodidade para os usuarios.

• Obras de Renovación ou Mellora: refírese a pequenas obras que teñan por obxecto a reforma, renovación ou mellora dos espazos públicos

• Actuacións en circunstancias excepcionais e de emerxencia: no caso de que se produza unha situación excepcional (inundacións, corrementos de terras, afundimentos, fochas, etc.) o adxudicatario deberá poñer ao dispor do Concello os medios persoais e materiais asociados a este contrato.

A natureza das obras para realizar “será en xeral de pequena envergadura” e “múltiple en canto ao número e á localización”, non existindo unha oferta fixa de traballo, “dado que se irán demandando en función das necesidades do Concello de Ribeira”, sinalaron fontes do Consistorio.

Estes son os elementos sobre os que estará obrigado a actuar o adxudicatario:

• Pavimentos de calzadas, beirarrúas, prazas, parques e demais espazos públicos destinados ao tránsito de vehículos e persoas, sexa cal for o seu material construtivo

• Bordos e rigolas en todo tipo de calzadas e beirarrúas.

• Mobiliario urbano (papeleiras, bancos, bolardos, varanda, etc.)

• Elementos de drenaxe superficial (reixas, cunetas, canlóns, taxeas, etc.), sempre que non estean mantidos por outras empresas

• Muros e muretes de contención ou de peche

• Escalinatas, ramplas, plataformas, vaos e pasarelas

• Pozos e arquetas de servizos municipais (non mantidos por outras empresas)

• Sinalización horizontal, vertical, balizamento e defensas

• Calquera reparación no espazo público dentro dos límites fixados no prego