Amicos avanza en empregabilidade cunha nova colaboración con Cobre San Rafael

22 Xullo 2022

A asociación integradora da nosa comarca Amicos presentou este venres 22 de xullo a súa nova alianza con Cobre San Rafael, destinada a seguir traballando conxuntamente pola inserción laboral das persoas con discapacidade. O acto tivo lugar no Miradoiro Pedra da Ra, xa que as Ecobrigadas de Amicos levan uns días traballando no acondicionamento e mantemento desta contorna do concello de Ribeira.

As Ecobrigadas son un equipo multidisciplinar de persoas con discapacidade que combinan a innovación social e o coidado medioambiental para a execución de obras forestais, prevención de incendios forestais, xardinería e bedelería. As persoas que forman parte das Ecobrigadas reciben formación adaptada e son acompañadas durante todo o proceso para mellorar a súa empregabilidade.

Como explicou Xoan España, director xeral de Amicos, grazas as Ecobrigadas xéranse “35 postos

de traballo de persoas con discapacidade intelectual”, onde “o esforzo, a superación e o exemplo de que sempre se pode, demostran que sempre hai unha oportunidade para avanzar”. Tamén aproveitou para agradecer a Cobre San Rafael a nova alianza porque “é unha aposta por continuar na formación, na intermediación e no apoio das persoas con discapacidade para conseguir un emprego”.

Pola súa banda, Pablo Núñez, director de Relacións Institucionais de Cobre San Rafael mostrouse orgulloso de “estar hoxe aquí apoiando a Asociación Amicos en todas as accións que fai” e describiu o labor da asociación como “imparable” e de “primeiro nivel”. Rematou dicindo:

“Temos implantado no noso ADN o coidado, a sustentabilidade e a recuperación medioambiental” e, por iso “encaixamos perfectamente no que pretendemos nós e o que fai Amicos”.

Asemade estivo presente no acto Ana Barreiro, concelleira de Servizos Sociais de Ribeira, que agradeceu a Amicos por seguir facendo un “labor excepcional”.

Ademais, José Manuel Ramos, traballador na Ecobrigada, quixo dar as grazas a empresas como Cobre San Rafael por “darnos a oportunidade” e a Asociación por “axudarnos a inserirnos na sociedade”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.