Ambar inaugura a escultura creada con Mar Ramón na Illa de Arousa

A praia das Salinas foi este xoves o escenario para a inauguración da cuarta peza plástica de ‘Mar Diverso’, o festival de arte inclusiva e patrimonio costeiro da Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional, financiado polo GALP da Ría de Arousa.

O equipo de Vaciocero e a escultora Mar Ramón foron as encargados de presentar e dirixir os seus traballos artísticos inaugurados esta mañá no Praia das Salinas da Illa de Arousa nesta cuarta xornada de Mar Diverso.

Vaciocero é un equipo multidisciplinar que estivo traballando co grupo de arte de Ambar formado por Ramón, Elena, Mila, Miryam, Carmen, Sonia, Esperanza, Victor, Manola e Mónica. Xuntos encargáronse do acto de apertura realizando unha acción colaborativa cunhas pezas plásticas creadas previamente nas sesións de traballo en Ambar.

Seguindo a acción colaborativa, Alexandra R. Rey, integrante do equipo de Vaciocero, explicou o sentido e a intención da obra artística. “Este mar forma parte de nós ao igual que nós formamos parte del, foi unha marabilla compartir esta experiencia con todos.” A.R.

Continuou Milagros Rey, presidenta de Ambar, agradecendo ao Concello da Illa a súa boa acollida. Fixo mención especial a Musieventos, por coidar cada detalle nos actos de inauguración de Mar Diverso, e a Zeltia Iglesias, técnica de inclusión de Ambar, por coordinar Mar Diverso. “Tamén quero dar grazas aos artistas de Mar Diverso porque por eles temos presencia en cada un destes concellos” . Pechou o
seu discurso agradecendo ao Fondo Europeo e ao Grupo de Acción Local Pesqueira da Ría de Arousa por financiar e facer posible esta iniciativa.

A presidenta de Ambar deulle a palabra a Salomé Franco, quen asistiu representando ao Concello da Illa de Arousa. “Grazas por pensar no noso concello para deixar esta creación tan especial nel, é un orgullo para todos nós ter unha estructura tan única neste espazo natural”.

A continuación, Mar Ramón presentou a obra que dirixiu co grupo de artesás e artesáns de Ambar formado por Manuel A. Brión, Manuel Vilas, José M. Matías, Victoria Piñeiro, Raquel Hernández, Rubén Gómez , Suso Santamaría e Ramón Hector, que impulsan no seu día a día a área de produtos solidarios. “É xenial este lugar, a Illa de Arousa é súper bonita e a colocación da peza nesta localización é
algo incrible” afirmou a escultora. “Esta non é unha peza de Mar Ramón, é unha peza comunitaria que reflexa as personalidade de cada unha das persoas que a fixeron” M.R.

A obra pode verse na Praia das Salinas onde está instalada.

Entre outras propostas programadas para o longo da semana, mañá venres 29 ás 22:15 H, preséntase a peza escénica dirixida por Fran Sieira co grupo de artes escénicas de Ambar formado por Noelia Argibay, Ángeles Devesa, Marina Mondelo, Conchita Mouriño, Carmen Pérez, Paula Ramallo, Montse Queiruga e
Mercedes Ríos. A estrea da peza tivo lugar o pasado venres 22 na Praza de Fefiñáns de Cambados e nesta ocasión celebrarase na Praza de Igrexa de Ribeira.
Síguelle Óscar Aldonza quen será o encargado de pechar Mar Diverso, o domingo 31 asistiremos a inauguración doutra obra escultórica, ás 12:30 no Mercado de Abastos da Pobra.

Cronograma do Festival
XULLO do 22 ao 31
o Venres 22 ás 22:30H
Peza escénica dirixida por Fran Sieira na Praza Fefiñáns , Cambados
o Martes 26 ás 12:30H
Mural composto por Sokram no porto de Escarabote, Boiro
o Mércores 27 ás 12:30H
Obra plástica dirixida por Tere Ramallo no paseo Praia da Torre, Rianxo
o Xoves 28 ás 12:30H
Peza escultórica dirixida por Mar Ramón na Praia das Salinas, Illa de Arousa
o Venres 29 ás 22:30H
Peza escénica dirixida por Fran Sieira na Praza da Igrexa, Ribeira
o Domingo 31 ás 12:30 H
Peza escultórica dirixida por Óscar Aldonza no Mercado de Abastos, A Pobra