Dodro e Rianxo participan no regreso do programa de roteiros Goza do Ulla 2022

O pasado 2 de xuño presentáronse os detalles do programa de rutas de sendeirismo Goza do Ulla 2022. Os vinte concellos bañados polas augas do río, impulsores deste proxecto pioneiro de turismo de natureza (entre os que se atopan os de Dodro e Rianxo), deron a coñecer a iniciativa no marco no Turexpo Galicia 2022, ao abeiro da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. Na presentación fíxose saber que se trata dun programa turístico e cultural que regresa con forza logo da paréntese da pandemia, que non permitiu que se materializara como estaba previsto. A iniciativa comeza este 11 de xuño en Dodro.

O Goza do Ulla 2022 ofrece un total de 19 rutas de sendeirismo para desfrutar do río desde o presente mes de xuño e ata finais de outubro. Cada ruta está programada nun concello. Boqueixón e Vedra organizan conxuntamente o mesmo itinerario, que vai polos dous municipios. As camiñadas póñense en marcha o próximo 11 de xuño en Dodro e rematarán o 29 de outubro en Santiso.

Máis detalles

O programa Goza do Ulla naceu no ano 2011 coa participación de cinco concellos (Touro, Boqueixón, Vedra, Santiso e Arzúa). Once anos despois toman parte 20 municipios de tres provincias: Lugo Pontevedra e A Coruña. Son os concellos da Estrada, Agolada, Antas de Ulla, Arzúa, Boqueixón, Catoira, Dodro, Monterroso, Padrón, Palas de Rei, Pontecesures, Rianxo, Santiso, Silleda, Teo, Touro, Valga, Vedra, Vila de Cruces e Vilagarcía.

A programación para o 2022 será a seguinte: Dodro (Brañas de Laíño, de 14 km, o 11 de xuño); Vila de Cruces (Ponte Basebe-Illa Remesquide, de 13 km, o 26 de xuño); Palas de Rei (Ruta das Torrentes, 6 km, o 16 de xullo); Boqueixón-Vedra (Unindo roteiros… ao pé do Ulla, de 10 km, 24 de xullo); Agolada (Canle de Ramil-A contorna do Ulla, de 10 km, o 13 de agosto); Monterroso (Do vello ao novo Montorreso e O muíño do alemán, de 27 km, o 25 de agosto), A Estrada (Os sons do Ulla, de 12 km, o 27 de agosto); Pontecesures (Ollando o Ullán, de 15 km, o 28 de agosto), Antas de Ulla (Ulloando polo nacemento, 12 km, o 4 de setembro); Vilagarcía de Arousa (Da illa Cortegada ao miradoiro da Cruz de Ferro en Xiabre, de 14 quilómetros, o 11 de setembro); Arzúa (Ruta da fervenza das Hortas, de 19,5 quilómetros, o 24 de setembro); Teo (Ribeira teense do Ulla, de 9 km, o 25 de setembro); Touro (Variante circular PRG 121 ‘Polos camiños naturais do Lañas, Ulla, Basebe e Novefontes, de 16,4 km, o 1 de outubro); Catoira (As pedras miúdas. Á ribeira do Ulla, de 12 km, 2 de outubro); Rianxo (As tres cruces, 11 km, o 8 de outubro); Valga (Vistas do Ulla e afluentes, de 12 km, o 9 de outubro); Padrón (Polas ribeiras do Ulla, de 12 km, o 15 de outubro); Silleda (Illa de Gres-praia fluvial de Cira, de 10 km, o 22 de outubro); e Santiso (Circular de Beigondo, de 7 km, o 29 de outubro).