Convocada en Ribeira a elaboración dunha bolsa de emprego para socorristas nas praias

O Concello de Ribeira vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para todas as persoas que desexen formar parte da Bolsa de Emprego que servirá de alicerce á contratación laboral temporal do profesionais para a prestación do Servizo de Salvamento e Socorrismo Acuático nas praias do municipio durante o verán do 2022. Podémolo ver no BOP deste 6 de xuño. As bases da convocatoria dispoñen requisitos específicos segundo a modalidade de persoal: xefe de praia, socorrista acuático ou persoal auxiliar de información e primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais.

Corresponderán aos xefes de praia levar a cabo a dirección do equipo de persoas asignado á súa praia, a xestión dos recursos en canto a urxencias e posta en marcha de dispositivos de actuación e prevención, así como os protocolos do servizo preventivo; realizar o control da disposición e estado tanto das instalacións como do material e elaborar informes para actuacións destacables e incidencias.

As funcións dos socorristas acuáticos son as seguintes: prever accidentes ou situacións de emerxencia nas praias do concello de Ribeira realizando tarefas de vixilancia e información; rescatar persoas en casos de accidente ou situación de emerxencia; asistir como primeiro intervinte no caso de accidente ou situación de emerxencia; velar pola seguridade dos usuarios das praias do concello de Ribeira previndo situacións potencialmente perigosas realizando unha vixilancia permanente e eficiente e intervindo de forma eficaz ante un accidente ou situación de emerxencia.

O persoal auxiliar de información e primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais realizará as seguintes funcións: informativas, velando polo cumprimento da normativa e comunicando ás persoas usuarias que accedan aos espazos acuáticos naturais os avisos que realicen os órganos competentes en materia de emerxencias, seguridade e protección civil; primeiros auxilios, realizando o conxunto de accións e técnicas que lle permitan asistir unha persoa lesionada de forma inmediata no lugar do accidente; executarán as tarefas auxiliares de axuda ou socorro, baixo a dirección do persoal socorrista ou, de ser o caso, dos servizos de Protección Civil, sen que en ningún caso poda substituír o persoal de socorrismo acuático.

As solicitudes para tomar parte no proceso selectivos faranse mediante instancia que se presentará no Rexistro Xeral do Concello durante un prazo de sete días hábiles iniciadas a partir deste 7 de xuño.

As praias ás que, en principio, se pretende dar este servizo son as seguintes: praia de Coroso, praia do Vilar e praia da Ladeira. Isto, sen prexuízo de calquera variación que poida xurdir por motivos da organización do servizo.

Nas bases especifícase que “a duración do contrato será de dous meses e dez días, prevíndose o inicio da relación laboral na data de 1 de xullo, se ben, en función das necesidades do servizo e, sobre todo, das condicións meteorolóxicas existentes, poderase adiantar ou adiar o inicio da relación laboral en todas as praias nas que se vaia a prestar este servizo ou naquelas praias que mais o demanden polas súas características”.