Consternación na comarca pola morte de dous mariñeiros veciños de Ribeira e O Son

Tal como vimos informando en “obarbanza.gal” o atuneiro conxelador “Albacora Catro” sufriu unha fuga de amoníaco mentres estaba sendo reparado en porto nas illas Seychelles. Esta fuga provocou unha deflagración. No momento do accidente parece que estaba toda a tripulación no barco; en total 31 homes.

Na explosión morreron dúas persoas,  o xefe de máquinas e o segundo oficial. O xefe de máquinas é Ángel Boo, ten 35 anos, natural de Palmeira en Ribeira e ten dúas nenas. O segundo oficial é Francisco Cameán Santos, natural da parroquia de Xuño, no concello do Porto do Son, e vivía na parroquia de San Pedro de Muro.

Albacora Cuatro

Os dous mariñeiros do Albacora Catro faleceron como consecuencia da inhalación de amoníaco. Nun principio pensouse que houbera unha explosión a bordo do barco da empresa viguesa Compañía Europea de Túnidos, que estaba atracado en Porto Vitoria, a capital das illas Seychelles, pero só produciuse o escape de gas. Fontes próximas á armadora explicaron que o xefe de máquinas e o segundo oficial traballaban na reparación do circuíto de refrixeración de peixe e no cambio dunha xunta produciuse o escape, que resultou letal. De feito, outros oito tripulantes que resultaron feridos tamén inhalaron o amoníaco. A fuga provocou a mobilización dos servizos de bombeiros, media ducia de ambulancias e de emerxencias da zona.

Francisco Cameán Santos , unha da vítimas do Albacora Cuatro

A evolución dos outros oito tripulantes feridos é favorable. Só queda un deles ingresado por insuficiencia respiratoria, os demais estaban leves e foron dados de alta. Tras o accidente foron trasladados a un hospital, acompañados de persoal sanitario do centro que o Instituto Social da Mariña ( ISM) ten na capital do arquipélago, onde está a base de boa parte dos atuneros españois que operan no océano Índico. A Organización de Produtores Asociados de Grandes Atuneros Conxeladores ( OPAGAC) lamentou a morte dos dous mariñeiros e expresou as súas condolencias ás familias, ademais de desexar a pronta recuperación do único hospitalizado aínda.

Angel Boo, xefe de máquinas do Albacora Cuatro

No buque, que estaba amarrado a porto, estaban os 31 membros da súa tripulación cando se produciu o accidente. Os dous falecidos atopábanse na cuberta inferior da embarcación, segundo manifestaron algúns mariñeiros cando foron desaloxados.

O mes pasado, o Albacora Catro descargara as capturas da marea en porto e cando regresou ao mar para retomar os traballos sufriu unha avaría. O barco e a súa tripulación tiveron que ser remolcados ata Porto Vitoria para reparar a máquina.

O capitán foi o que alertou aos servizos de emerxencia de que se produciu a fuga de amoníaco. O accidente ocorreu ao redor das 17.30 horas en España, 19.30 hora local. O armador de Compañía Europea de Túnidos vai camiño das Seychelles nestes momentos.

Condolencias desde as institucións

O presidente da Xunta Alfonso Rueda lamentou nas súas redes sociais o ocorrido e mandou o seu pésame á familia e compañeiros dos falecidos e púxose ao servizo da armadora para “o apoio que precisen”.

Tamén o presidente do Goberno lles quixo trasladar todo o seu apoio e cariño ás familias e os seus mellores desexos para as persoas feridas.

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, escribiu que a familia do mar volve estar de loito, tras o naufraxio do Villa de Pitanxo en febreiro. Feijóo trasládalle o pésame ás familias e expresa a solidariedade coa tripulación do atuneiro.