
A Policía Local da Pobra do Caramiñal e a Garda Civil levaron a cabo na mañá deste 29 de novembro unha intervención conxunta que culminou coa detención dun home sobre o que pesaba unha requisitoria xudicial en vigor.
Os feitos iniciáronse durante un servizo de patrullaxe preventiva de seguridade cidadá, cando axentes da Policía Local localizaron un individuo coñecido polos efectivos policiais. Tras contactar coa Garda Civil e confirmar que a requisitoria xudicial continuaba vixente, ambos os corpos coordinaron a súa intervención para proceder á súa localización e detención.
O home foi localizado no interior dun garaxe cando tentaba abandonar o lugar ao volante dun turismo. Ao decatarse da presenza policial, iniciou unha manobra brusca de fuxida, desobedecendo as indicacións dos axentes e poñendo en grave perigo a súa integridade física.
Segundo relataron os axentes, durante o intento de fuga, o condutor realizou diversas manobras a gran velocidade, tanto cara adiante como marcha atrás, e chegou a estar a piques de atropelar un dos axentes que trataba de impedir a súa saída.
Ante a resistencia activa do individuo e o risco para a integridade física dos efectivos policiais, foi necesario empregar a forza e os medios de dotación policial para conseguir que depuxese a súa actitude e proceder, finalmente, á súa redución e inmobilización. A intervención concluíu sen que se producisen lesións de gravidade.
Unha vez efectuada a detención, a Garda Civil fíxose cargo das dilixencias correspondentes en relación coa requisitoria xudicial e coa investigación de posíbeis feitos delituosos, entre eles, a condución dun vehículo de motor sen ter obtido o permiso correspondente e un presunto delito de atentado contra axentes da autoridade.






