Volve en setembro, na Coruña, o Galicia Fórum Gastronómico

Este xoves 19 de maio presentouse na Coruña un dos grandes acontecementos turísticos e hostaleiros da tempada de verán-outono: o Galicia Fórum Gastronómico, que volve a celebrarse na cidade herculina (entre o 25 e o 27 de setembro) logo de dous anos de pandemia.

Na cita estivo presente o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, quen avogou pola alianza entre turismo e gastronomía na promoción da “marca Galiza”. O vicepresidente fixo un rápido repaso polos 20 anos de vida do Fórum Gastronómico lembrado que “durante estas dúas décadas pasamos dunha situación en que a nosa terra era coñecida por ter un produto de primeira calidade, contrastado e do que ninguén dubidaba, para pasar a ser unha terra dunha gastronomía de primeiro nivel”. Un camiño, segundo Xosé Regueira “que non sería posíbel sen o cadro de cociñeiros e cociñeiras que están poñendo a cociña coruñesa e galega no circuíto internacional”.

Na presentación participaron os profesionais organizadores do evento, Pep Palau, Jauma von Arend e Ana Trevisani, e representantes das tres institucións públicas e apoian esta cita, Nava Castro, directora xeral de Turismo da Xunta, Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Turismo do Concello da Coruña e o propio Xosé Regueira, vicepresidente e deputado provincial de Turismo. Á colaboración institucional tamén se referiu Xosé Regueira asegurando que “os esforzos de tres administracións tamén forman parte da alianza que precisa a marca turística deste país”. Tamén estaba presente unha representación de cociñeiros e cociñeiras e representantes de Estrella Galicia.

Galicia Fórum Gastronómico, no último ano no que se celebrara, en 2019, contara coa participación de 250 expositores e contabilizara un total de 24.000 visitantes. Na edición de 2022, segundo adiantou a organización, contará co espazo de exposición, cun auditorio dedicado a presentacións, un apartado dedicado a obradoiros, un punto dedicado a degustacións denominado “Ágora”, un espazo multidisciplinar de diálogo chamado “Fórmula B”, e tres espazos temáticos: “Craf Beer Fórum”, dedicado á cervexa artesá; “Wine Circus”, dedicado aos viños galegos e á gastronomía líquida; e “Cook Trends”, que será o espazo específico do colectivo Coruña Cociña.

Intervención de Nava Castro

Na presentación tamén interveu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen puxo en valor “a importancia que supón a celebración deste tipo de eventos, xa que posibilitan situar a Galicia como destino enogastronómico de referencia, permitindo dar a coñecer tanto a riqueza de produtos e da materia prima como a profesionalidade e excelencia acadada polos profesionais do sector”.

Así, Castro destacou a importancia da gastronomía na oferta turística galega e indicou que a gastronomía é “o segundo motivo polo que os visitantes acoden a Galicia”. Nesta liña, resaltou a calidade como eixe fundamental dese feito, con 16 Estrelas Michelín e 325 Q de calidade en Galicia, das que 80 son de establecementos de restauración. Ademais, destacou “que o Goberno galego seguirá a apoiar a celebración de iniciativas que permitan conservar a tradición culinaria de Galicia, poñela en valor, difundila e internacionalizala, o que contribúe a divulgar a potencialidade como destino gastronómico e fomentar así a dinamización do turismo e a desestacionalización do sector turístico”.