
Galicia segue a marcar o vieiro no sector marítimo-pesqueiro poñendo riba da mesa proxectos intelixentes que, no caso que nos ocupa, tentan acadar un grao de eficiencia enerxética en buques que, ao tempo que implantan sistemas de novas tecnoloxías, permiten un mellor aproveitamento da estrutura de cada buque.
Así se desprende do proxecto “Mellora da Eficiencia Enerxética na Frota Pesqueira Española a través dun Sistema Intelixente de Xestión Enerxética Frigorífica en Buques” que tenta convertirse na posibilidade de acadar un sector pesqueiro máis sostible mediante o desenvolvemento e validación dun sistema intelixente de de xestión de eficiencia enerxética en buques que dispoñan de instalación frigoríficas a bordo, que permitan monitorización, control e toma de decisión desde terra.
Para que o proxecto se faga realidade, tres entidades traballarán constantemente aplicando as mellores tecnoloxías: a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), a Fundación Centro Tecnolóxico de Eificiencia e Sustentabilidade Enerxética (EnergyLab) e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT). O proxecto está financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Plan de Recuperación e Resiliencia do Goberno de España, financiado con fondos Next Generation EU.
Para a efectividade plena deste proxecto, as tres entidades traballarán conxuntamente aplicando as mellores tecnoloxías dispoñibles. Grazas a esas ferramentas -segundo informa ARVI- contribuirán a reducir o impacto medioambiental da actividade exercida por este tipo de frota pesqueira, coa redución de ao menos un 15% de emisións de gases de efecto invernadoiro. Tamén depararán ás empresas que operan no sector a oportunidade de adoptaren vantaxes competitivas baseadas na xestión eficiente dos seus custos operativos e darán pulo á innovación e transición tecnolóxica e dixital do sector.
O Sistema de Xestión Enerxética Frigorífica a Borfdo (AGEF-AB) desenvolvido neste proxecto será implementado nun buque pesqueiro arrastreiro conxelador, que servirá de piloto demostrativo para o ensaio e validación deste sistema nun entorno de pesca real.