O PBBI pide melloras de mantemento e acondicionamento na primeira etapa do Camiño A Orixe, a que parte do Faro de Corrubedo

O Grupo Municipal Partido Barbanza Independiente (PBBI) de Ribeira presentou unha moción relativa ao Faro de Corrubedo e a súa contorna para ser debatida en pleno. Segundo fan saber na exposición de motivos, a contorna do faro é un dos puntos máis emblemáticos e visitados do municipio e da comarca, pero malia a súa importancia turística, histórica e ambiental, “leva sufrindo desde hai uns anos un estado de deixamento e deterioración perceptíbel, sobre todo na ruta de sendeirismo que discorre pola costa, desde o Cabo de Corrubedo, pasando polo Outeiro dos Corvos, as inmediacións de Prado e Campo da Agra, e que finaliza na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Corrubedo”.

O PBBI lembra que a importancia desta contorna é aínda maior se temos en conta que é o punto de partida da ruta de peregrinación do Camiño de Santiago do Barbanza (o Camiño A Orixe) e coincide coa primeira das súas etapas.

“Porén”, explica a agrupación, “cando un veciño da parroquia de Corrubedo ou un peregrino decide facer este primeiro treito deste camiño xacobeo o primeiro que se atopa é un cartel informativo, xusto diante dos edificios contiguos ao faro, onde se mostra unha ruta de sendeirismo chea de pintadas e onde a información é practicamente inexistente ou incomprensíbel”. Amais, engade o PBBI, “unha vez o usuario comeza a ruta é perceptíbel o estado de deixamento dese camiño, xa que abundan a maleza, as matogueiras e as marañas de herbas. Trátase dun carreiro, si é que así pode chamarse, onde os usuarios teñen que camiñar en ringleira coas herbas até as cellas”. Critican tamén que “non se trate dunha ruta apta para todos os públicos, xa que as dificultades de acceso e a rochosidade e estrutura do terreo fan imposíbel que persoas con discapacidade e mobilidade reducida poidan transitar polo devandito carreiro, ben para gozar da paisaxe ou para realizar a primeira etapa da devandita ruta do Camiño de Santiago”.

En virtude de todo o exposto, o grupo municipal do Partido Barbanza Independente (PBBI) insta o pleno da Corporación municipal de Ribeira á adopción dos seguintes acordos:

1 -Instar ao Concello de Ribeira a realizar un mantemento e reacondicionamiento das inmediacións do terreo, rozando a maleza existente ao longo do devandito carreiro.

2- Instar ao Concello de Ribeira a que elabore novos carteis informativos que permitan que os usuarios coñezan os detalles da devandita ruta de peregrinación e sendeirismo, e que eses carteis sexan instalados ao longo do carreiro para facilitar a orientación do usuario.

3- Instar ao Concello de Ribeira a que desenvolva un plan especial de actuación para a posta en valor da contorna paisaxística do Faro de Corrubedo, enxalzando o carreiro que discorre desde o Cabo de Corrubedo até o porto da devandita parroquia, do mesmo xeito que se fixo con outros proxectos no termo municipal.