Aguiño homenaxea a Andrés Torres Queiruga na súa XVII Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño

A Asociación Cultural Francisco Lorenzo Mariño, de Aguiño, celebra esta fin de semana a XVII edición da súa Semana Cultural. Esta nova edición está adicada a un destacado veciño da parroquia, o teólogo, escritor e investigador Andrés Torres Queiruga. As homenaxes dirixidas a Torres Queiruga focalizáronse principalmente este venres 27 de maio, cun Conservatorio de Aguiño ateigado (á cita acudiron máis de cen persoas) e diversas actividades de recoñecemento, como por exemplo a conferencia impartida polo teólogo e párroco de Mazaricos, Xosé Manuel Pensado Figueiras.

A mesa foi presidida pola presidenta da AFLM, Elvira Pisos Arnoso, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, que inaugurou esta edición da Semana Cultural que se leva realizando dende 2006, ademais do homenaxeado, o reputado teólogo e aguiñés Andrés Torres Queiruga que cumpriu 82 anos este 27 de maio, feito que foi recordado e celebrado polo público asistente, que lle deu os parabéns ao remate do charla.

Iago Teira achegando a vertente musical ao acto de homenaxe

A apertura e o peche musical correu a cargo do alumno de piano do conservatorio de Ribeira, tamén aguiñés, Iago Teira, acompañado da súa profesora e xefa de estudos do centro, Natalia Rey. Entregáronse agasallos a todos os presentes por parte de directivas da entidade, un libro da historia de Aguiño coordinado por Unai González e publicado en 2009, unha rosa vermella e uns xogos de bolígrafos e cadernos conmemorativos gravados a láser para a ocasión así como unha figura de cerámica galega Regal ao homenaxeado “con agarimo e gratitude para Andrés Torres Queiruga da asociación Francisco Lorenzo Mariño”.

Ao rematar houbo un viño galego onde os asistentes confraternizaron tras 2 anos de pandemia. Asistiron ademais do alcalde de Ribeira, as concelleiras Ana Barreiro, Juana Bríon e Víctor Reiriz; Xosé Manuel Vilas, voceiro do PSOE, Luís Pérez Barral do BNG e Herminia Pouso do PBBI; tamén Manuel Ayaso, fillo predilecto de Ribeira e Aguiñés de Honra, entre outra xente.

O artista local Manuel Ayaso, no centro, tamén participou nos actos de homenaxe

O alcalde Manuel Ruiz dixo sentirse orgulloso da asociación que leva o nome do querido párroco de Aguiño nas pasadas décadas, por ser “unha das máis activas e vivas do concello”. Tamén salientou o alcance e repercusión da Semana Cultural.

Pola súa banda, Pensado sinalou que “homenaxear a Andrés é un acto de xustiza”, dobremente importante se “é o seu pobo quen lle rende tributo”. Tamén lembrou que non é a primeira vez que Aguiño recoñece o legado do teólogo e escritor (xa se fixera en 2009 co seu nomeamento como Aguiñés de Honra no 50 aniversario da parroquia organizado tamén pola asociación).

Elvira Pisos agradecer o apoio de institucións e empresas, socios e a directiva para poder organizar a programación anual da AFLM.

Este sábado un monólogo humorístico de Duarte Galbán 20:30 h e mañá domingo un espectáculo infantil de Paco Nogueiras ás 19 h no conservatorio porán fin aos actos desta edición.

Torres Queiruga e Unai González, directivo da Asociación Francisco Lorenzo Mariño

Seguindo as pegadas de Andrés

Como dixemos, o acto incluíu unha charla titulada Seguindo as pegadas de Andrés, a cargo de Xosé Manuel Pensado Figueiras, párroco de Mazaricos e antigo coadxutor de Santa Uxía de Ribeira, membro do Consello da Revista Encrucillada (1) e antigo alumno do homenaxeado, do que recollemos o texto da súa intervención:

HOMENAXE A ANDRÉS TORRES QUEIRUGA.

Intervención de Xosé Manuel Pensado Figueiras, párroco de Mazaricos e antigo coadxutor de Santa Uxía de Ribeira. AGUIÑO 27/05/2022.

“Seguindo as pegadas de Andrés”

1ª PARTE

Andrés danos –ós do meu curso- clase de teoloxía no curso 1986-  1987, tiña el 46 anos e nós 20. Parecíanos alguén maior, como se sempre estivese naquela casa. Supoño que é normal tanto pola diferenza de idade como pola sona que o precedía. Cando falabamos  con el era Andrés e cando falabamos del era Queiruga e realmente deixou en nós unha pegada profunda, aínda que soamente fora polo que nos facía pensar. El, como aplicando a súa maiéutica histórica, ía lanzando preguntas que nos axudasen a parir, a ir descubrindo de antemán os temas que el quería tratar.

Vou intentar, máis que facer unha biografía ir facendo un percorrido que recolla algúns datos biográficos, pero que, sobre todo recolla algúns “elementos” que foron significativos na súa vida e que logo se transluciron e están presentes na súa obra.

Andrés fala de catro mestres que influíron de xeito definitivo na súa vida e eu vou engadir un máis: 

O  1º  foi  don  José  o  seu  mestre  de  Aguiño,  aquel  palentino  profundamente relixioso do que el pensaba que o sabía todo. E debía  ser certo que o pensaba porque cando o menciona o seu rostro deixa  entrever aquela sensación que debía de ter.

Deste home venlle o xerme do seu ideal que el explica así: “O meu ideal  era  ser  ‘sabio’;  e,  moi  importante,  que  iso  implicaba  ser relixioso”. Desde aí as dúas realidades permanecerán xuntas, aínda  sabendo que non ten porque ser así, “pero sigo a notar en min unha  resistencia espontánea a non xuntar cultura e relixión”.

De Aguiño marchará ó seminario, no edificio de San Roque e do 56 ó 66 estarán no centro de estudos dos xesuítas en Comillas. El  di  daqueles  anos  que  Comillas  é  “un  centro  de  vitalidade incrible…cun alumnado vivísimo , chegado non só de toda España senón  tamén  de  Portugal  e  de  Hispanoamérica.  A  inquedanza cultural, do literario ó filosófico e teolóxico, do relixioso ó político- social”. Nas súas aulas e biblioteca inmensa e de libre acceso vai forxando a súa formación filosófica e teolóxica e iniciándose nas linguas clásicas e das modernas no inglés, francés, alemán e italiano.

O 2º dos mestres foi Ramón Piñeiro: Tamén en Comillas descubre o  galego  axudado  pola  distancia  e  tantos  falsos  ‘topicazos’ e prexuízos que expresaban algúns compañeiros. Coñeceu a Ramón Piñeiro  na praza  do  Castromil  cando  volvía,  despois  dunhas vacacións  de  nadal  para  Comillas,  un  compañeiro  fixo  as presentacións. Este mestre catalizou ese espírito de galego que se foi incrementando con cartas e libros que lle enviaba. Con el e con outra xente anos máis tarde vaise fraguando a idea e logo a decisión de traducir a biblia.

Esta vinculación con Galicia permanecerá sempre. El aquí está, aquí escribe as súas obras, aquí exerceu e exerce a súa docencia, aquí expresa que cada un debe de vivir desde a súa sensibilidade, desde e co seu contexto propio e sentindo que pode aportar algo que enriqueza  a  este  país  que  o  viu  nacer. El  ten  afirmado  que “simplemente comprendín que tiña que vivir, pensar e escribir en galego, en Galicia, como o lugar da miña apertura  á Igrexa e ó mundo”.

Xunto con isto cabe dicir que ten mente e espírito universal. Abonda con visitar a súa biblioteca para entendelo. O coñecemento das linguas modernas, a súa participación en congresos e charlas a nivel

nacional e internacional, a tradución das súas obras ó portugués alemán ou italiano son proba, non só de ser un teólogo recoñecido senón tamén de que o seu pensamento é acollido e valorado en moitos lugares do noso mundo.

Si en Don José descubrira o ideal de ser sabio con Ramón Piñeiro descubre que quere ser sabio en galego e en Galicia.

O 3º dos que el cualifica de mestre é Amor Ruibal: é mestre destacando por tres dimensións que o marcaron:

a)  A súa liberdade intelectual, a súa forza crítica e o seu gran sentido histórico.

b) O carácter autodidacta. O non vincularse a ningunha escola concreta  de  pensamento  pode  xerar  illamento,  pero,  pola contra, da unha gran independencia e achega máis a realidade na que se vive e á que se pretende chegar.

c) En palabras do propio Andrés: “inoculoume de xeito incurable a urxencia por repensar e actualizar a comprensión da fe”. Esta dimensión viuse reforzada pola lectura dos teólogos que tiveron gran presenza no dinamismo renovador do concilio Vaticano II xerando  no  noso  autor  unha  fogueira  de  entusiasmo  esperanza que xa nada a poderá apagar.

Lembro que moitas veces nas reunións de Encrucillada, cando saían temas ou situacións que nos parecían unha volta atrás nese espírito renovador  proposto polo concilio que el sempre sentenciaba  dicindo  que  isto  pode  parecer  que  ven  para quedar, pero que será algo pasaxeiro porque, tanto a dinámica da sociedade coma o impulso xerado no Vaticano II, non se pode  parar  xa,  que  tería  idas  e  voltas,  pero  que  non  é reversible.

Este mestre será o protagonista da súa tese de doutoramento na Universidade Gregoriana de Roma no ano 1973 e da súa tese de doutoramento en filosofía na Universidade de Santiago no 1985.

O 4º dos mestres é o padre José Alonso Diaz.

O padre Alonso adéntrao no estudo da Biblia que o leva a “introducirse no misterio da revelación cun talante finamente crítico, con respecto exquisito ós textos, pero cunha liberdade sen retóricas, que non se amarra á letra”. O seu xeito de ensinar e os seus escritos marcarán definitivamente o seu xeito de aproximarse  ós  textos  bíblicos  e  a  ir  recoñecendo  e interpretando o proceso revelador.

Descubrir a Deus que se vai abrindo paso a través dos límites e das resistencias da subxectividade humana, tantas veces lenta e conflitiva.

Andrés cualifica a este home de o “único mestre vivo que tiven en toda a carreira” e engade que a “percepción da radical historicidade no constituírse da revelación, aprendido do Padre Alonso, e a súa explicitación no desenvolvemento da tradición, aprendido de Amor Ruibal, pasaron á raíz da miña teoloxía”.

O 5º mestre que eu quero engadir é Roma, neste caso mestra: 1966-1968 para a tese de doutoramento.

Da súa estadía nesta cidade destaca Andrés dous influxos  importantes:

a) Naquel ambiente internacional, libre e democrático viviu a xénese e a explosión do maio do 68, aquel movemento inicialmente de estudantes universitarios e logo tamén de obreiros que poñía en cuestión mesmo os fundamentos da sociedade  daquela  época,  nacido  en  Francia  e  que percorreu medio mundo, todo aquel empeño fixou nel a preocupación e mesmo a necesidade de unir a esperanza cristiá  cos  mellores  esforzos  da  renovación  da  cultura humana.  Volve  aparecer  aquí  aquela  resistencia  a  non separar fe e cultura, o sentido relixioso da vida co mellor das aspiracións humanas.

b) O  segundo  influxo  foi  a familia  Hoch  que  foi  como  un segundo fogar para Andrés e que lle permitiu un continuo contacto coa filosofía e a teoloxía procedentes de Alemaña converténdose nunha canle permanentemente aberta de obras para a súa biblioteca e de novas aperturas para o seu espírito.

Estes catro mestres máis un, unha, acompañaron a Andrés nesa intensa etapa formativa que, evidentemente nunca remata, pero que abre a porta a esa outra situación de se converter en mestre para os outros porque son moitos os que seguimos a nos enriquecer con ese traballo  permanente  de  Andrés  e  el  mesmo  se  enriquece  coas vivencias, aportacións e reflexións que el sempre está a acoller e que tanto agradece.

Pois, así, rematada a estadía en Roma volve para Santiago onde participará  no  intento  frustrado  da  creación  dunha  facultade  de Teoloxía  para  Galicia,  pero  seguirá  como  profesor  do  Instituto Teolóxico Compostelán durante bastantes anos onde intentará cos alumnos “unir fe, cultura e teoloxía, sempre atento ó universal, pero co corazón posto no compromiso evanxélico con Galicia”.  Cabe subliñar que, por desgraza, era dos poucos profesores que nos daba as clases en galego.

Esta dobre vertente de fe e cultura serán as que guíen a creación e o sostemento, con outra xente, como é lóxico, da “Asociación e Revista Encrucillada”, da que é presidente, e que segue a ter como lema: ‘Revista Galega de Pensamento cristián’. Tamén a Escola de Espiritualidade da que é membro do equipo coordinador e que ten como  criterio  director  “contribuír  á  encarnación  da  experiencia evanxélica na vida real e promoción dunha fe que alimente a propia vida e fomente o compromiso”.

Entendo que este espírito universal e o compromiso local están na base da súa elección como membro da Real Academia Galega no ano  1980  á proposta  de  Domingo  García Sabell,  Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro López. O seu discurso de entrada versou sobre a “Nova aproximación á filosofía da Saudade”.

Tamén foi elixido membro do Consello da Cultura Galega no 1983. Participará, como xa quedou dito, na tradución da biblia ó galego pola que  no  ano  1990 recibe,  xunto  con  José  Fdez  Lago,  o  premio nacional á mellor tradución, no ano 1994 será elixido Galego Egrexio e recibirá no 2003 o premio Trasalba.

E non quixera deixar de mencionar, por máis que sexa de pasada, o seu labor na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago entre os anos 1991 e 2010 como profesor de Filosofía da Relixión e a publicación de preto de corenta títulos, moitos deles traducidos a outras linguas, especialmente ó portugués, ó italiano e ó alemán.

No sentido máis universal participa no Consello da Revista Iglesia viva, no da Revista Concilium e na Revista de Filosofía de Portugal, a maiores das múltiples conferencias pronunciadas en moitos lugares de Europa e Hispanoamérica e da súa participación e múltiples congresos.

Coido que esta pequena escolma do seu traballo e das mencións recibidas deixa clara a imbricación que en Andrés se da entre o universal e o compromiso co local amplamente recoñecido e, hai que dicilo, tal vez máis fóra de España que dentro e máis no ámbito civil que dentro das institucións da igrexa.

2ª PARTE

Quixera agora, despois de mostrar os mestres que foron forxando a personalidade filosófica e teolóxica de Andrés, mostrar, por máis que sexa  un  pouco  de  paso,  un  par  de  ideas,  de eixos  que transversalmente vertebran todo o pensamento de Andrés. Serían: Un Deus liberador que salva e un Deus que crea exclusivamente por amor:

UN  DEUS  LIBERADOR  QUE  SALVA:  (pregunta  na  clase  que entendemos por revelación)

A teoloxía convértese para Andrés nun camiño de liberación que o leva a pasar dunha relixión do medo, con exemplos de terror en torno ó inferno a ir descubrindo ó Deus que se mostra, xa no Antigo testamento como preocupado polos máis febles: que tantas veces o pobo rompe a alianza que Deus ofrece e tantas outras El renova a súa alianza, Israel é infiel máis El permanece fiel (Ezequiel), que se preocupa polo orfo e a viúva, o Deus que non sabe castigar, que nos seduce unha e outra vez, como se mostra en Oseas, que nos ten un amor maior que o que nos poida ter a nosa propia nai como aparece en  Isaías,  que  é  perdón  incondicional  como  se  mostra  xa  nos evanxeos ou o “nada nos afastará do Amor de Deus” de San Paulo, ou un Deus que é máis grande ca o noso corazón como proclamará Xoán e que cristaliza na invitación de Xesús de tratar a Deus como Abba, coma o papaíño e mamaíña en quen repousamos.

Toda esta multitude de imaxes, e son máis das que parecen, vai obrando a liberación e a apertura a un novo universo de fe. Esta experiencia compartida con grupos de xente en Santiago levará, no ano 1977, ó nacemento do libro “Recupera-la Salvación. Por unha interpretación liberadora da experiencia  cristiá”. El mesmo dirá en repetidas ocasións que toda a súa obra posterior será como “unha glosa e comentario deste libro xerminal”.

Un pouco máis tarde, no ano 85 e reeditado no 2008, publica “A revelación de Deus na realización do home” no que, dende unha perspectiva máis exhaustiva, afonda nese camiño da experiencialiberadora e de plenificación que supón a fe cristiá.

A convicción central e radical de Andrés é que Deus é Salvación, pura, única e exclusivamente Salvación. “Deus como puro amor en acto está xa sempre revelándose na máxima medida do ‘posible’, desde sempre e sen discriminación, en todas as persoas, culturas e relixións. Se nesta comunicación-revelación hai fallo non é porque Deus non queira senón polas nosas incapacidades ou resistencias, os nosos egoísmos e malicias”.

Coma os papás que non é que non estean dándolle todo ós seus fillos senón que os nenos, xusto por seren nenos, entenden ata onde poden entender.

Deus, a pesares de todos os nosos pesares, con paciencia infinita, vai loitando por “ir introducindo na historia a Luz salvadora do seu amor” que chega ó cumio na vida, morte e resurrección de Xesús de Nazaré.

Este será o fundamento último de toda a teoloxía de Andrés de tal xeito que “toda interpretación que axude a comprender mellor –un pouco menos mal- o misterio de Deus como unha presenza única e exclusivamente  amorosa  e  salvadora,  resulta  por  iso  mesmo verdadeira; toda outra que dalgún xeito escureza ou deforme algún aspecto da mesma, é sen máis falsa ou desenfocada”.

No libro do ano 2005 “Diálogo das relixións e autoconciencia cristiá” apunta que esta é unha vía de inmensas posibilidades no diálogo interrelixioso tan importante hoxe en día.

DEUS COMO PURA SALVACIÓN, QUE CREA EXCLUSIVAMENTE POR AMOR.

Desde aquí dáse un paso máis e vemos e pensamos que o noso mundo, o noso universo funciona de xeito autónomo. De ver un mundo gobernado por intervencións extramundanas –as boas de deus e as malas do demo- pasamos a comprender o mundo “como funcionando con leis propias específicas, tanto na orde física e

biolóxica, coa no ámbito do psicolóxico, social e político”.

Esta  autonomía  do  mundo  aparece  consagrada  polo  concilio Vaticano II, no documento chamado Alegría e Esperanza (nº36) e asenta que esa autonomía é “absolutamente lexítima” e como algo “que debemos respectar” e tamén nos di que non debemos esquecer a constitutiva “referencia ó creador” porque a “criatura sen o creador desaparece”.

Todo isto leva a outro dos temas importantes e queridos por Andrés: Repensar o concepto de creación para “ renovar a nosa imaxe de Deus  e  mostrar  que  a  fe  nel  e  no  seu  amor  preserva  a  nosa autonomía e promove a nosa máis auténtica humanización”.

Desenvolve  esta  cuestión  no  libro  do  ano  1996  “Recupera-la creación. Por unha relixión humanizadora”.

Nel móstranos como Deus deixa de ser un deus que crea aló nun momento do pasado e que logo se retira ó seu ceo dende onde contempla e a veces intervén no mundo de xeito milagreiro e pasa a ser o Deus que está “actuando en todo instante, facendo ser e impulsando continuamente cara o ben e a realización máis plena posible”. Falamos así dunha ‘creación continua’ na que Deus crea con nós e desde nós.

Preguntábanos na  clase  ós  alumnos  falando  da  cuestión  dos milagres: Que é máis milagre que Deus cure a unha persoa ou que Deus, actuando a través do esforzo dos médicos e científicos, cren unha  vacina  que  poida  salvar a  toda  a  humanidade?  Con  isto queríanos facer caer na conta do que é a “creación continua” e o carácter simbólico, de signo, que teñen os milagres de Xesús nos evanxeos.

Deus capacítanos para sacarmos de nós o mellor de nós mesmos, tanto como o permitan as nosas limitacións, os medios que usemos e as leis da natureza.

Na realidade humana Deus é “o gran compañeiro, que acompaña e apoia no sufrimento, abre o sentido e convoca á esperanza; que chama con amor paciente e insistente á porta da nosa liberdade para que, acollendo o seu impulso creador o transformemos en vida auténtica, amor real e servizo solidario”. “Deus dáme a miña vida para que a viva eu; non pode vivila el por min” “Apóianos, pero non nos substitúe”.

Se isto estivese máis presente na nosa vida deixaríamos de culpar a Deus  do  que  nos  pasa  –que  fixen  eu  para  merecer  isto?!- e sentiriamos a forza da súa presenza mesmo nos momentos máis duros da vida. Pasariamos dun deus ‘tapaburatos’ a un Deus que nos convida a loitar con El contra o mal do noso o mundo.

Sería  interesantísimo  afondar  noutros  temas  coma  o  da Resurrección,  que  particularmente  considero  interesantísimo  e central na nosa fe (anécdota da clase sobre que gravaría unha cámara que estivera no sepulcro), o tema do mal que tanto segue a ser pedra de tropezo para moitos crentes e non crentes, a imaxe de Xesús,  a  linguaxe  relixiosa,  etc,  etc.  Non  é  hoxe  o  momento, evidentemente,  pero  dende  estas  dúas  claves  podemos  ir  nós mesmos  facendo  un  pouco  de  teoloxía aplicándoas  ós  temas, positivos ou negativos, que afectan ó noso camiñar diario.

Vou rematando xa, pero non quero facelo sen apuntar tres trazos sobre o conxunto da teoloxía de Andrés:

a) El fala sempre de repensar e de recuperar: O outro día, falando  cun  compañeiro, xustamente  sobre  este  acto homenaxe, dicía que el destaca de Andrés a súa humildade intelectual e o argumento que esgrimía era xustamente este, repensar e recuperar. Vía neste trazo unha vinculación expresa coa tradición que nos ven de moi lonxe intentando mostrala na actualidade con palabras e conceptos de hoxe. Renovación sen rupturas, dicía el.

O mesmo Andrés expresouno así: “Creo non me enganar se afirmo que –non só na intención, senón tamén na realización- nunca na miña obra existe un puro afán de renovación pola renovación e menos, un talante destrutivo: xamais critico ou trato de renovar algo sen ó mesmo tempo ofrecer a que –con maior ou menor acerto, esa é outra cuestión- me parece unha proposta  positiva  e  actualizada,  tratando  de  preservar un exquisito respecto á tenrura do amor creador de Deus e, desde El, propondo o que xulgo mellor e máis acaído para a dignidade e a realización humanas.”

Este aspecto resulta evidente lendo e relendo as súas obras e, se cabe, máis aínda cando un o escoita en directo nas súas charlas e conferencias.

b) O carácter positivo da súa teoloxía: Mesmo hai que no tacha de inxenuo. Eu diría que é positivo en dous aspectos e moi realista nun terceiro.

1.- É absolutamente optimista cando de Deus se trata: El fala do Deus que “só sabe, só pode e só quere amar”, un Deus que nos trata cun amor “máis grande do que un poida pensar”. “Un amor que nunca culpabiliza no fracaso e sempre apoia no esforzo positivo pola realización propia e no traballo polos demais”.

2.- Optimista en canto as posibilidades do ser humano. Como di  Xesús  “faredes  cousas  máis  grandes  aínda”.  En  tanto sintamos a grandeza de Deus en nós, nós seremos e nos sentiremos  capaces  dunha  realización  plena  persoal  e colectiva.

3.- Realista no que se refire as realizacións prácticas pola nosa parte. Os límites, dificultades, malicias, intereses e egoísmos polos que tantas veces nos deixamos levar, e dos que vemos as súas consecuencias no noso mundo, lastran esa realización.

Todo depende de Deus en canto oferta e entrega da súa parte, pero todo depende de nós na acollida e aplicación. Podémolo expresar ben dándolle a volta ó refrán tan coñecido: “El hombre propone y Dios dispone” cando en realidade é ó revés “Deus propón e nós dispoñemos”.

c)  Rigoroso  e  buscando  sempre  a lóxica  no desenvolvemento dos temas para que sesan claros e queden ben fundamentados.

Valorar isto non é doado para quen non está fondamente metido na teoloxía e no traballo de Andrés en concreto, pero quen leu a súa obra, o algunha das súas obras, vería como ten un esquema como en espiral ou en círculos concéntricos no que non avanza se non deixa claro o aspecto anterior sobre o que se asenta o argumento e así segue ata chegar ó punto final do que pretende mostrar. Por momentos pode parecer mesmo repetitivo, pero finalmente é sempre clarificador.

Remato xa –anécdota do xantar cos curas- invitando, como non pode ser doutra maneira, a ler a Andrés, a escoitalo nas múltiples charlas que podedes atopar en youtube e a ir recuperando e repensando, iluminados por el, polas súas aportacións, a propia experiencia de fe.

A el aínda lle queda moito por dar -ninguén di que teña os anos que ten- e ademais terémola sorte de que cando estea connosco desde o colo amoroso do Pai-Nai seguirá a enriquecernos coas súas obras que de seguro pasarán ó tesouro da fe e da cultura coma as dos grandes pensadores da historia.

(1) A Asociación Encrucillada no ano 2010 cumpriu 25 anos da convocatoria do foro Fe e Cultura en Galicia coincidindo tamén coa xubilación académica de Andrés Torres Queiruga ó cumprir 70 anos. Pareceu oportuno que o foro dese ano se convertese en homenaxe o presidente da asociación dende a súa fundación.

Materia non faltaba e o autor ben o tiña merecido,A maior parte dos textos entre aspas están tomados de “Camiño, intención e figura  da  miña  teoloxía”  e  da  entrevista que lle  fai Ángel  Darío  Carrero: 

“Repensar criticamente la fe. Un diálogo con Andrés Torres Queiruga”. Ambos os dous do Libro homenaxe a Andrés Torres Queiruga “Repensar a Teoloxía, recuperar o cristianismo”. Editores Xosé Manuel Caamaño e Pedro Castelao, publicado pola Fundación Isla Couto e Galaxia no ano 2012.