O Concello de Ribeira fai un chamamento á cidadanía a participar nos proxectos da Axenda Urbana

Co obxectivo de coñecer de primeira man as opinións da cidadanía arredor dos principais retos a nivel local, o Concello de Ribeira vén de habilitar na súa páxina web unha enquisa que estará aberta á veciñanza por un período dunha semana.

Esta iniciativa enmárcase no proceso de elaboración da Axenda Urbana de Ribeira Atlántica: un instrumento de carácter estratéxico (e non normativo) no que se comezou a traballar recentemente e que, en palabras do Goberno local, “mira á cidade dunha maneira integrada e non sectorial, incluíndo puntos de vista ambientais, sociais, de gobernanza, etc”. O seu marco conceptual coincide cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 de Nacións Unidas.

A Axenda Urbana, segundo lembra o Concello, divídese en dez eixos temáticos enunciativos (no caso do diagnóstico) ou dez obxectivos estratéxicos propositivos (no caso do plan de acción) que veñen dendo traballados en diferentes grupos de traballo conformado por técnicos e políticos do Concello, xunto ao tecido asociativo e os grupos municipais.

Dende o Consistorio recordan que en conxunto identificáronse algúns retos que se consideran prioritarios na Axenda Urbana de Ribeira Atlántica e con tal motivo “quérese sondear o parecer dos veciños mediante esta enquisa anónima na que os resultados serán analizados conxuntamente e respectando a privacidade dos enquisados”.

O formulario estará operativo entre as 15 horas de hoxe mércores 13 de abril ata as 15 horas do mércores 20 de abril. Consta de 21 preguntas nas que os cidadáns deben valorar entre 0 (totalmente en desacordo) e 5 (totalmente de acordo) outros tantos interrogantes acerca de cuestións tales como a potenciación do turismo sustentábel, a ampliación de zonas verdes, a rehabilitación de espazos degradados, a accesilibidade, a redución de emisións de efecto invernadoiro, a rehabilitación enerxética de edificios municipais, a xestión de residuos, a mobilidade sustentábel, a inclusión social, a diversificación da economía, o uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), a adecuación de vivendas baleiras, etc… Ademais, a enquisa contén un último apartado nº 22 por se a persoa que o está respondendo desexa engadir e describir algún outro reto.