A Consellería do Mar vén de convocar tres novos cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade online. Desenvolveranse entre o 10 de maio e o 17 de xuño de 2022 cunha duración de 50 horas. Deles poderán beneficiarse un total de 180 persoas. Cada unha destas accións formativas estará titorizada por unha das tres escolas de ensino náutico-pesqueiro da Consellería, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, a Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira e o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

O período de inscrición para estes cursos, que contan con 60 prazas cada un, está aberto ata as 15:00 horas do próximo 12 de abril. A relación de admitidos será establecida en función da hora e do día de prematrícula dos candidatos. Para realizar a prematrícula será necesaria a identificación mediante o sistema de usuario e clave chave365 ou un certificado electrónico. Toda a información sobre esta oferta formativa pode consultarse no apartado de teleformación da web da Consellería do Mar.
Os 60 admitidos en cada curso deberán matricularse no centro de ensino correspondente nun prazo de 10 días naturais a partir do día seguinte á publicación da listaxe provisional de admitidos no portal web de formación da Consellería do Mar.
Unha vez que remate o curso de teleformación realizarase un exame presencial en cada un dos centros dependentes da Consellería do Mar. Así mesmo, será necesario superar unha proba de natación o mesmo día do exame para poder presentarse á proba final.