A Comisión da Memoria Histórica de Barbanza rinde en Rianxo homenaxe a vítimas do franquismo e o mestre Xesús Santos

O lugar da Paradegua, en Rianxo, acolleu este sábado a inauguración do monolito para dignificar a Memoria de dous “represaliados” polo franquismo .

A Comisión e o Concello de Rianxo colocaron o monumento no quilómetro 9 da estrada Ribeira- Padrón en homenaxe o rianxeiro, Francisco López Pérez, máis coñecido como “Fontevella” e o boirense, Manuel Piñeiro Abeijón que apareceron”paseados” no 36. O acto contou coa intervención do alcalde de Rianxo, Adolfo Muiños, membros da Memoria Histórica, Tero Rodriguez e contou amais coa presenza da concelleira boirense, Dores Torrado Ares, responsable da memoria histórica, así como con familiares das vítimas.

Durante o acto o alcalde rianxeiro e a concelleira boirense, acordaron facer unha colaboración conxunta entre os dous concellos de cara a realizar homenaxes ás vitimas e a dignificación das familias.

O próximo acto de homenaxe terá lugar en Boiro onde foron paseados cinco personas nos lugares de Amañeciña, Castro Ouvilla e Burata. Os monumentos levarán unha placa con QR o que permitirá coñecer a historia.

Con anterioridade o acto deste sábado e dentro das xornadas conmemorativas do aniversario da república, celebrouse este venres unha conferencia sobre “Verdugos do 36: golpistas, delatores, represores”, pronunciada por Gustavo Hervella García , historiador especialista na Galicia no século XX.

No acto que se celebrou no Auditorio de Rianxo, nomeouse a Xesús Santos Suárez republicano de honra. A laduadatio do homenaxeado foi realizada pola presidenta da Memoria Histórica Celia García Pilaldo.

BIOGRAFÍA

Xesús Santos, mestre, dramaturgo, investigador histórico, poeta, conferenciante, activista cultural; un galeguista e republicano,  nacido en Asados en 1936, que fixo o bacharelato por libre e, en 1955, ingresou na Escola de Maxisterio de Santiago, cidade na que entrou en contacto coa literatura galega e con personalidades da nosa cultura. Aínda que xa antes, na casa do seu veciño Ramón Pimentel, con quen tantas horas compartiría no grupo de teatro Airiños, descubrira os primeiros libros en galego, que leu e releu con devoción e foi así como enfocou a súa vida tendo a Galicia como motivo central: “Conseguín antes o calificativo de galeguista que o título de mestre”, explicou nun libro sobre os anos de estudante na Escola Normal.

No exercicio da docencia encontrou unha auténtica vocación. Desde 1961 e ata a súa xubilación voluntaria en 1998 pasou polas escolas do Milladoiro, pola Anexa de Santiago, por Coucieiro (Val do Dubra), por Praia Xardín de Boiro onde exerceu a dirección uns anos e, finalmente polo colexio de Igrexa-Calo (Teo), onde estivo vinte anos. Para as moitas xeracións de escolares que formou, aos que vencellou coa vida e a cultura galega, o mestre Xesús Santos sempre será unha referencia.

Desde a década de 1950, e despois de acudir co seu pai a unha das veladas de Airiños,  iniciou unha intensa relación co mundo do teatro, polo que sentiu e sente verdadeira paixón: actor, director de Airiños e autor de obras que o grupo representou. “Sen a compañía de Airiños, xa non sei andar”, dixo cando abandonou a dirección. 

Home inquedo, polifácetico, membro e colaborador de asociacións e fundacións, defensor da súa terra e da súa lingua e cultura,  gran lector e admirador do seu paisano Manuel Antonio, o primeiro impulso como creador sentiuno pola poesía, gañou o premio das “I Xustas Poéticas do Barbanza” con Ardentía en 1984 e tres anos despois publicou o poemario Balada do vento na ría.

Despois pasou a outros xéneros e é autor de obra extensa e diversa. Escribiu teatro: Un ronsel de estrelas (2000), en homenaxe a Manuel Antonio;  O viquingo converso (2017), sobre as orixes do desembarco de Catoira. Tamén escribiu teatro  para a xente nova, consciente da importancia do teatro escolar en galego: A fraga (des)animada  (1993), que representou Airiños; Os amigos de Martiño (1999). E segue ofrecendo ao grupo teatral de Asados o seu traballo como hai uns días nas “Veladas de primavera”, con Botemos uns contos, inédito, sobre a historia de Airiños. Publicou ademais numerosos artigos e libros de heráldica, de crítica e investigación literaria sobre personalidades de Rianxo e do Barbanza: Arcos Moldes, Manuel Antonio, Faustino Rey Romero, Rafael Dieste, Borobó, Fernández Mato, Castelao… que sería prolixo citar…