O Concello de Rianxo anunciou que vai ceder á Xunta unha parcela no Parque Empresarial para unha Base de Unidade Operativa (BUO) contra incendios. A operación anunciouse logo de semanas de encontros entre os responsábeis da Consellería de Medio Rural e do Concello de Rianxo, reunións que se dirixiron en boa medida a atopar un espazo idóneo no termo municipal para a devandita base de Medio Rural. Finalmente, ambas as partes acordaron abordar a dispoñibilidade dunha parcela municipal no polígono.

Esta cesión, que xa foi avanzada aos portavoces dos grupos que amosaron o seu apoio, deberá ser ratificada nun pleno municipal. Permitirá que se poña á disposición da Xunta de Galicia de balde unha superficie de 6.000 metros cadrados municipais.
O Concello salienta na oportunidade da cesión “a cooperación necesaria con outra institución”, neste caso a Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia, para “potenciar a loita contra o lume de toda a bisbarra, cun servizo de vocación comarcal e que beneficia a varios concellos e non só o propio Rianxo na loita contra os incendios forestais”.
O Concello explica tamén que “dende un primeiro intre o equipo de Goberno rianxeiro ofreceu a colaboración necesaria ás autoridades autonómicas para subministrar esa parcela de equipamento de grande valor patrimonial mais que así, con esta nova utilidade, acollerá un servizo esencial para a comunidade”. Deste xeito, engaden fontes do Consistorio, “Rianxo beneficiarase coa creación no municipio dunha base operativa con amplos recursos materiais e humanos” e cunha localización privilexiada no polígono dende a que gozar dunha ampla visión da contorna e unha boa accesibilidade ás principais vías de comunicación, en especial á autovía do Barbanza desde onde encamiñar os operativos terrestres.
Nestas últimas datas a Alcaldía tivo acceso a un proxecto básico dunha base integrada na contorna, respectuosa e sostíbel. Desde as autoridades da Xunta agradeceron o Concello a dilixencia, apoio e interese por este proxecto.