O Unicaja Almería sufoca as ansias de dar a badalada no “play off” polo título do Rotogal Boiro

M. A.- O Unicaja Almería compareceu como un ciclón no arranque do play off polo título. Os andaluces, coa lección aprendida despois de sufrir até a extenuación no cruzamento da Copa do Rei contra o Rotogal Boiro Voleibol, non deron opción aos anfitrións na Cachada. Os visitantes dominaron o duelo de punta a cabo e sacaron de punto ao conxunto de Marcelo Benavídez, que claudicou pola vía rápida (0-3).

O Unicaja Almería entrou moi centrado no partido, en contraste cun Rotogal Boiro Voleibol que xamais se mostrou cómodo sobre o parqué da Cachada. Os visitantes, cun gran poderío no saque de Jiménez Scull, labraron unha cómoda renda no arranque da primeira manga (3-11). Os locais, que mostraron lagoas tanto no servizo como na recepción, foron incapaces de reaccionar ante un rival que se anotou o set por 17-25.

O choque equilibrouse no segundo parcial. Pero o acerto no saque de Jovanovic contribuíu a abrir unha fonda brecha entre os dous equipos no ecuador do set (de 15-14 a 15-22). A pesar de que o Rotogal Boiro Voleibol non guindou a toalla, foi incapaz de levantar unha desvantaxe que pesou como unha lousa (22-25).

Con 0-2 en contra e a sensación de poderío ofrecida polo Unicaja Almería, ao Rotogal Boiro Voleibol só lle restaba apelar á heroica. No entanto, os de Marcelo Benavídez foron incapaces de obrar o milagre ante un adversario que foi superior en todas as facetas do xogo e, ademais, cincelou algúns parciais demoledores ao seu favor para selar o choque pola vía rápida (15- 25).

O segundo partido da eliminatoria celebrarase o venres ás 20.30 horas na cancha do Unicaja Almería.

Rotogal Boiro Voleibol, 0: Gaby del Carmen, Mario Iglesias, José Carlos Romero, Felipe Benavídez,
Renan Levandoski, Gaspar Bitar e Adrián Alves (líbero). Tamén xogaron Cristóbal Álvarez, Iván Souto e Martín Casais.

Unicaja Almería, 3: Jiménez Scull, Juanmi González Limón, Jorge Fernández, Miki Fornés, Kukartsev, Jovanovic e Francisco Fernández (líbero). Tamén xogaron David López Alacio, Andrés Portero, Marlon Palharini e Raúl García.

Sets: 0-1 (17-25), 0-2 (22-25) e 0-3 (15-25).

Árbitros: Daniel Gálvez e Bruno Correa.

Incidencias: Partido de cuartos de final do play off polo título de la Superliga disputado en A
Cachada ante uns 400 espectadores.