O TSXG rexeita o recurso do Estado para derrogar o plan marisqueiro de Galicia

16 Marzo 2022

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso interposto polo Estado contra a orde do 21 de decembro de 2020 da Consellería do Mar pola que se aprobou o Plan Xeral de Explotación Marisqueira (PXEM) para o trienio 2021-2023. Os maxistrados salientan na sentenza que “resulta imposible” manter, como pretende o Estado, que fose preceptivo un informe estatal para a aprobación do plan. “Non resulta posible soster xuridicamente a esixencia dun informe estatal preceptivo e vinculante para un instrumento de planificación dos recursos marisqueiros, cando a Administración Xeral do Estado non ten competencias nese nivel de planificación. Os que serán merecedores dese informe serán aqueles aspectos que están establecidos como competencia estatal, isto é, as autorizacións e concesións”, salientan os xuíces.

A formulación da demanda, segundo a sentenza, é contraria á Lei de Costas, que non establece que o marco ao que se debe axustar a actividade marisqueira “se deba someter a informe estatal preceptivo e vinculante, senón só concretas actuacións, pola súa incidencia específica no dominio público, e só esas, e non ningunha outra actuación, por máis que estean relacionadas coa utilización do dominio público marítimo-terrestre”. Ademais, o fallo indica que a formulación do Estado é “contraria á asunción da competencia exclusiva de marisqueo á comunidade autónoma de Galicia, xa que a regulación das condicións de exercicio do marisqueo, na súa dimensión planificadora e de programación, cos contidos propios do PXEM, forma parte do núcleo esencial desa competencia exclusiva”. Os maxistrados indican que a Administración Xeral do Estado pretende, neste caso, “estender a elixibilidade dun informe vinculante máis aló dos casos previstos na normativa legal”.

“O contido do PXEM responde ao exercicio dunha competencia exclusiva autonómica, e é o instrumento que serve ao propósito de conseguir os obxectivos propios da política autonómica na regulación das condicións de exercicio do marisqueo. Un instrumento de planificación que contén normativa reguladora desas condicións de exercicio non é asimilable, nin nunha interpretación extensiva, nin sequera por analoxía, cos supostos sometidos a informe estatal vinculante con arranxo ao art. 112 da Lei de Costas”, recalca a sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG. Ademais, sinala que a cuestión de cando o marisqueo está suxeito a autorización ou concesión está resolta pola Lei de Costas e a Lei 11/2008 de Pesca de Galicia, polo que “non é un extremo regulado polo PXEM”.

O PXEM, segundo subliña o tribunal é “un mero instrumento de planificación que parte desa realidade normativa –de constitucionalidade non cuestionada- e, dentro ese marco, planifica as condicións temporais, espaciais e materiais de exercicio da actividade (en cuestións como períodos, zonas, medios a utilizar, cotas de capturas, etc.), pero sen ser ese documento o título habilitante de exercicio da actividade, que será, segundo as diferentes zonas, a autorización e concesión, os cales terán que ser obxecto doutra resolución diferente, en cuxa tramitación si se poderá reclamar a intervención estatal vía informe preceptivo e vinculante nos aspectos atinentes á competencia estatal”.

“Unha cousa é planificar as condicións materiais, temporais e espaciais en que unha actividade poderá ser desenvolvida (que é o que fai o PXEM) e outra cousa distinta é o título habilitante que se outorga a unha persoa determinada autorizándolle o exercicio desa actividade (que non é o contido do PXEM)”, aseguran os maxistrados, os cales recalcan que, se un instrumento de planificación de recursos marisqueiros se sometese a informe preceptivo e vinculante da Administración estatal, “se estaría desnaturalizando a atribución competencial autonómica nesta materia, en canto se condicionaría o núcleo decisorio que representa a esencia da competencia exclusiva, mediante a inxerencia da vontade dunha Administración que non é competente sobre o réxime de explotación deses recursos”.

A titularidade estatal do espazo físico en que se realiza esa actividade marisqueira, segundo a sentenza, “non se pode esgrimir para usurpar o núcleo irredutible da competencia autonómica en materia de marisqueo”. O TSXG incide en que o PXEM “non é o instrumento que outorga autorizacións e concesións de explotación, sendo a súa función eminentemente regulativa e planificadora das condicións de exercicio da actividade, en diferentes aspectos (como a programación temporal, espacial, medios a utilizar ou cotas de capturas)”.

Ademais, afirma que a relevancia do marisqueo en Galicia “non é un criterio xurídico que avale a esixencia só a esta comunidade dun informe en relación coa planificación desa actividade que non se esixa ás demais”. Así, indica que, “sexa máis ou menos relevante a actividade, o certo é que o marisqueo comporta unha determinada utilización do dominio público marítimo e marítimo-terrestre, na súa proxección espacial, que desde o punto de vista xurídico non xustifica un tratamento diferenciado, segundo a comunidade autónoma de que se trate, á hora de interpretar os conceptos que utiliza unha lei estatal para definir os casos en que se esixe un informe preceptivo e vinculante estatal”. Contra a resolución do TSXG cabe interpoñer recurso.

Outros artigos

Arrinca a campaña “De Pobra a Portosín, tapeando polo mar”

Este venres 16 de maio arrancou a iniciativa De Pobra a Portosín, tapeando polo mar, organizada polas asociacións de empresarios da Pobra e Azul de Portosín e a de hostalería de Ribeira, coa finalidade de poñer en valor os produtos do mar da zona, dinamizar o comercio...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Pedro Sánchez e Israel”. José Antonio Constenla

“Pedro Sánchez e Israel”. José Antonio Constenla

Lo último de Pedro Sánchez, convertido en agente propagandístico de Hamas,es tachar a Israel de “Estado genocida”. Más allá del estruendo mediático, lopreocupante no es tanto la acusación en sí, sino lo que representa, porque esun gesto diplomático de enorme calado,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.